xoves, 11 de xuño de 2026

PECHAMOS CONVIVINDO CUNHA SESIÓN MOI ESPECIA!

Nos días previos á nosa última sesión de ConVivindo, as nenas e os nenos de Educación Infantil recibiron unha sorpresa moi especial: unha postal de Vivindo. A súa chegada espertou moita ilusión e curiosidade, converténdose no punto de partida dunha xornada chea de emocións, creatividade e recordos compartidos.

                                       

Ao comezo da sesión, visionamos un vídeo elaborado polas persoas de APAMP no que se explicaba, paso a paso, como facer un Vivindo con arxila. A través das indicacións dunha compañeira da entidade, o alumnado puido coñecer diferentes técnicas e consellos para modelar a súa propia figura.

Despois da explicación, chegou o momento de poñer as mans na masa. Con moito entusiasmo, cada nena e cada neno confeccionou o seu propio Vivindo de arxila, seguindo as orientacións recibidas e deixando voar a súa imaxinación. O resultado foi unha colección de creacións únicas, cheas de personalidade e agarimo.

                      







A continuación, realizamos un mural colaborativo coa silueta de Vivindo como protagonista. Nel, o alumnado debuxou aquilo que máis lle gustou das diferentes sesións de ConVivindo e pegou fotografías dalgunhas das actividades que compartimos ao longo destas semanas. Este mural converteuse nun fermoso resumo visual de todas as experiencias vividas xuntos.


Para rematar esta aventura, despedímonos da mellor maneira posible: cun baile final cheo de alegría e cunha aperta ben forte a Vivindo. Un xesto sinxelo pero cargado de cariño que puxo o broche de ouro a unhas sesións nas que aprendemos valores tan importantes como a empatía, o respecto, a inclusión e a convivencia.


Grazas, Vivindo, por acompañarnos nesta fermosa viaxe. Ata sempre! 






Ningún comentario:

Publicar un comentario