domingo, 30 de novembro de 2014

CONTAMOS MOITO: GATO GUILLE E OS MONSTROS


Como todo o mundo sabe aos nenos de infantil encántano-los contos e co noso entusiasmo arrastramos a tódolos que queiran vir connosco. Desta volta fomos cós nenos e nenas de segundo de primaria á biblioteca para desfrutar da historia "GATO GUILLE E OS MONSTROS", unha delicia de conto que nos ía contar a profe Malena. 
Comezamos así unha nova andaina do proxecto "Contamos Moito" no que queremos, coma tódolos anos,  desfrutar xuntos da lectura e no que traballaremos tamén xuntos arredor de diversos contos.
Non nos daba chegado o día porque todo o mundo sabe que Malena conta moi ben os contos e queriamos escoitala, pero...Desta volta non o contou ela; senon que trouxo a través da rede a unha amiguiña súa, unha nena que nolo contou dun xeito que nos tivo a todos abraiados e atentísimos. 
Cando rematou o conto Malena sacou dos seus petos os seus famosos "polviños máxicos" e fixo maxia da de verdade. Ademais prestounos o conto para que viaxe polas nosas aulas e poidamos mirar ben  tódalas súas páxinas. 
A cámara de fotos ese día non quixo funcionar ben, pero ainda así ollade as nosas caras...agora falta por ver o que organizamos a conta deses monstros imaxinarios!.














mércores, 26 de novembro de 2014

TRABALLANDO PARA MOUCHOLIBRO.3 ANOS

Xa fai algúns días, aló polo Samaín, o Moucholibro (mascota da biblioteca) deixounos na clase unha carta na que nos propuxo algo super divertido. Tiñamos que ir á biblioteca e atopar un sobre amarelo no que había unha palabra relacionada co medo. Con esa palabra tiñamos que inventar unha historia de medo. Bueno..., ou algo parecido!
E alá puxémonos a investigar na pizarra dixital sobre as BRUXAS porque foi a palabra que nos tocou. Este foi o resultado...un libriño para cumplir o desexo do mouchiño.


O REI U EN TRES ANOS

Que non poñamos cousiñas novas no blog non significa que esteamos sen facer nada. Todo o contrario, estamos coñecendo o Rei U unha persoaxe moi importante no pais de letrilandia.

domingo, 23 de novembro de 2014

O MAGOSTO TAMEN O CELEBRAMOS

Xa van dúas semanas, pero ata agora non vos puidemos dar conta da nosa celebración do Magosto. Gústannos moito as castañas e tamén a tradición do San Martiño e ainda que non era o día propio, o 7 de novembro (coa vosa axuda porque este ano non tiñamos castañas de balde) aproveitamos que a chuvia daba un respiriño e saímos ao patio a cheira-lo fume das castañas e desfrutar delas. Antes fixemos xogos, -como os maiores!-;os de 3 e 4 anos no ximnasio; os de 5 anos no patio cuberto...é que somos tantos!

luns, 10 de novembro de 2014

CHEGOU O GRAN DÍA. MAIS SAMAÍN INFANTIL

Por fin chegou o tan agardado día. Todos estabamos preparados para dar moito medo e para pasalo moi ben. Houbo tempo para todo: Para facer fotos cos nosos disfraces, para baillar, para participar e experimentar no obradoiro de "baleirado de cabazas" e sobre todo para aprender unha morea de cousas coas nosas teachers Patricia e Abi. As dúas explicáronnos en inglés todo o que iamos facer no obradoiro.
Botádelle unha ollada ás nosas caras de medo e entusiasmo.
 

PREPARATIVOS DE SAMAIN NA AULA DE 3 ANOS

Para celebrar o día de Samaín tiñamos que ambientar a nosa clase e os nosos corredores de forma axeitada. Tan entusiamados estabamos que ó longo da semana non paramos de traballar facendo morcegos, pintando cabazas e pantasmas, coñecendo, gracias á profe Pilar, a Tufo, un monstro que de cando en vez aparece na clase de 4 anos. En definitiva, uns días algo atarefados.

sábado, 8 de novembro de 2014

UNHA FESTA MOI ESPECIAL

Hoxe venres 7 de novembro celebrabamos doble festa. Por unha banda  o cumpleanos de Eva; por outra banda, o magosto. 
Do magosto  xa vos contaremos. Agora imos ensinarvos o ben que o pasaron na festa de cumple. Eva e maila súa mamá prepararon uns agasallos moi especiais para nós e desfrutando deles pasamos unha mañá maravillosa no cole seguindo ademáis co noso proxecto de monstros. Hoxe non falamos de monstros, senon que tivemos a oportunidade de converternos nun deles. Que como o fixemos? Foi moi doado. 
A clase apareceu adornada cunha grilanda nova de banderíns e monstros e atopamos un misterioso taboleiro de madeira tapadiño cun pano. A profe e mais Eva levaban varios días a nos dicir que tiñan un segredo ambalas dúas e que un día ou outro ían contárnolo. Algúns (os que sempre andan a matinar en todo o que xurde na aula) contraatacaron dicindo que eles tamén tiñan un segredo e debecían porque a profe lles dera permiso para contalo. Pero...a protagonista desta historia era Eva e Pilar non deixou que ninguen lle quitase o protagonismo.
 O venres chegou o día. A grilanda encantounos, pero aquela cousa tapada...  non semellaba nada divertida! A nosa primeira reacción foi de desencanto, pero tódalas caras mudaron cando Eva deulle a volta ao taboleiro e asomou a súa cara convertida en MONSTRO!. 
Nun monstro moi especial...un dos amigos de Max protagonista do conto que tanto nos gusta. Enseguidiña todos quixeron probar. Cantabamos "Un, dous, tres en monstro mudarás"e....listo! un tras outro ía mudando a faciana e poñendo cara monstrosa.
Despois chegou a transformación total. Eva repartiu bocas e pes de monstro con puntiagudas poutas.Colocamos a boca, sacamos os zapatos e puxemos os pes e saimos pasear polo corredor camiñando coma verdadeiros monstros.Era unha sensación moi extraña, dixeron.
Eva regalounos un tatu de monstro e deixounos probar unha cola monstrosa. Menudos meneos demos con ela!
Despois tivemos que deixa-la festa e marchar ao magosto e á volta inda nos deu tempo a xogar un pouquiño ca ultima sorpresa do día...unha impresionante pelota monstro ca que poderemos seguir xogando mentres seguemos a traballar cos monstros. Uf, menudo día!

SAMAIN EN INFANTIL



O día de Samain foi moi especial. Para empezar daba arrepío entrar no cole porque entre as cabazas monstrosas e tódalas presencias terroríficas que estaban entrando pola porta daban gañas de sair a fume de carozo. Por se non fose abondo, o mural de monstros que fixeron na clase de inglés tamén puña moito medo.
Ainda así entramos todos, fixemos fotos e puxémonos a baleirar cabazas e convertilas en calacús. Desta volta tivemos dous invitados moi especiais: os nenos de 3 que nos axudaron con entusiasmo e as "teachers" Patricia e Abi. Abi contounos en inglés (claro!) como facían o Samaín nos Estados Unidos. Bueno, alí chámanlle Halloween e non somos nós quen copiamos esta tradición, senon que foron os seus antergos os que a levaron a América seguindo os costumes celtas. 
Aqui nos vedes a todos asustando aos que non se disfrazaron (e a algún disfrazado tamén) e poñendo as mans nas cabazas para sacarlle todo o que teñen dentro. Despois limpamos ben as pipas porque, como lembrades, sementarémolas na primavera. Por certo! Unha das cabazas que baleiramos foi a que medrou das pipas e plantas que sementaramos no noso xardin este ano e puidemos recollela agora para aproveitala na festa.
 As outras, mágoa! apodreceron cando viñeron esas chuvias torrenciais de hai algunhas semanas. Daquela puidemos  experimentar e observar o proceso natural completo de como nace unha cabaza.

ESTA É A NOSA CABAZA
QUE GRANDE NOS MEDROU!


Despois do traballo cabaceiro, na hora de ler en vez de nenos e nenas puidemos ver a tódalas persoaxes de Samaín desfrutando da lectura; e mesmo quixeron, ao rematar, sair ao patio a xogar. Vendo as fotos todos nos preguntamos...Pero onde foron os nenos do cole? 



NOMES MONSTRUOSOS

Na semana de Samaín o noso monstro Tufo fíxonos un agasallo moi especial. Para que nos afagamos a ver o noso nome con distintos tipos de letra ( ainda que todas maiúsculas) e traballar ben a percepción do ollo, mandounos un paquete bastante pesado que o principio non nos atreviamos a abrir. Menos mal que Mikel é un valente e tomou  a iniciativa...os demais non as tiñan todas consigo. Cando por fin foi quen de abrilo descubrimos os nosos nomes feitos con letras monstrosas que nos emocionaron moito. Mirade! a ver se sodes quen de lelos...!


MONSTROS EN TODAS PARTES

Na aula de 4 anos o Samaín empezou hai ben tempo porque os monstros xa son os nosos compañeiros e amigos e como xa vos dixemos aparecen por todas partes. Nós tinguimos o traballo de outono de tintes monstruosos e estivemos a construir paseniño un mural o que lle chamamos OUTONO MONSTRUOSO. Como os monstros nacen das manchas de pintura, segundo aprendimos no noso caderno de montruos, neste mural tamén empezaron a aparecer monstros diversos despois de que pintasemos entre todos un fondo que nos quedou moi pantasmal...
Primeiro fixemos monstros follas porque quixemos axudar os pequenos de 3 anos a decorar o corredor con motivos de outono e... claro! en troques de follas normais saíronnos follas monstrosas. Despois, fixemos uns caracois e, ainda que o intentamos, pasou o que pasou; quedoulle a todos eles unha pinta tamén monstrosa. E xa que estabamos... por que non facemos unhas árbores? -dixo alguén; e que queredes que vos diga?. Foi o complemento perfecto. Agora estamos a agardar que lle saian ollos, nariz e boca monstrosa...Xa vos contaremos porque de certo pasean moitos monstros pola nosa aula e algúns (ou algunhas) saben facer maxia.




mércores, 5 de novembro de 2014

PRIMEIROS DÍAS DE COLE EN 3 ANOS

Ainda que non o pareza xa hai case dous meses que comezamos un novo curso, dando a benvida a 25 pequechos de 3 anos. Aquí tedes unha pequena mostra do que foron os seus primeiros días de cole.
Parabens a todos!