luns, 8 de decembro de 2014

TRABALLANDO CON KANDINSKY:4 ANOS. CÓNTAME UN CADRO.

Despois de facer o noso relato para Moucholibro collémoslle tanto gusto a contar historias que si antes falabamos un mundo contando as nosas cousas de monstros, agora xa é un non parar. É normal que o diálogo na alfombra polas mañás sexa interminable porque todos queren participar e últimamente contar os seus "soños de monstros", relatos completísimos que algún día a profe, -que de cando en vez colle lápiz e papel e apunta-, terá que pasar a limpo e compartir con tódolos que estades nas casas.
Daquela cando Libroucho -o moucho encargado da biblioteca este mes de nadal- mandounos a súa mensaxe e un cadro de Kandisky para llo "contar", lanzámonos en plancha. Ainda case non saira a imaxe en grande na pizarra dixital cando aquelo foi xa un fervedoiro de mans levantadas para falar. Claro está que Libroucho metera no cadro un elemento moi especial para nós...unha alcantarilla!


E falamos, e moito, de todo o que pasaba no cadro, da historia que non se vía, das cores, do ceo cheo de cores suxerentes, da época do ano que sae nel  e cómo non! vimos monstros e seres máxicos por tódolos recunchiños da pintura.
Aproveitamos tamén para enterarnos de quen era Kandinsky e outro día fomos á biblioteca a mirar outros cadros del desa mesma época (porque os entendemos mellor). Desta vez foi Candela Rey á que nos animou a miralos e a buscar o que mais lle gusta a ela, un cadro que ten un cabalo azul.
Despois de facer os nosos debuxos para Libroucho (No enlace de arriba podedes ver en que consiste esta actividade), nunha sesión diferente animámonos a facer nós de Kandinsky e pintar o cadro coas nosas cores. 
Fixemos dúas experiencias distintas. A primeira pintar pouco a pouco entre todos o cadro en grande, despois de pornos de acordo sobre as cores que íamos empregar. Despois cun tamaño mais pequeno cadaquen fixo o seu cadro e aí as diferencias xa foron moitas. Xa  iremos vendo todo o que fagamos porque a actividade ainda non está rematada e o traballo sobre este autor tampouco. De momento aquí vos deixamos unhas pouquiñas fotos.

1 comentario:

  1. Xa quixera Kandisnsky un cadro así de espectacular ;-) ¡Menudos artistas! Unha actividade xenial!

    ResponderEliminar