sábado, 25 de abril de 2020

PROPOSTA PARA O DOMINGO 26 DE ABRIL

DIARIO DE NAVEGACIÓN           DÍA 40

Hoxe é un gran día, o primeiro paso... Moitos de vós ides poder saír a dar un paseíño que, aínda que sexa pequeno, será unha grande experiencia. Así que o primeiro que vos propomos hoxe (domingo) é...

RETRATANDO E VIVINDO O MOMENTO
Estades na rúa, pretiño da vosa casa; ou o mellor estades nun monte próximo os que vivides por alí; ou preto da praia. Queremos que vos portedes moi ben e que sexades moi prudentes e, sobre todo, queremos:
1/ Que nos contedes cunha foto como é esa primeira saída. Como estades vestidos? Levades máscara, luvas..? Que sentides? Estades contentos? A que recende o ar? Vai frío? Vai calor? Queremos sabelo todo deste momento. É unha foto que vai quedar para a historia e que poderedes lembrar cando pase moito tempo.
2/ Cando cheguedes a casa, despois de lavar as mans, facede un debuxo ou pintade no papel todo o que sentistes, onde estivestes, que fixestes... Ben, se alguén nolo quere contar, tamén pode; nós estamos sempre dispostos a escoitar.

Como é domingo, xa dixemos, volven tocar xogos en familia...

ADIVIÑAS MARIÑAS  
É un xogo de pensar. Fixemos unha presentación para que poidades matinar nestas cousiñas e dicirnos de que estamos a falar...





CANICÓDROMO
Facer e xogar con canicas, pompóns ou bólas de papel. Collede 6 medios tubos de papel hixiénico ou cociña. Tamén podedes dobrar calquera outro papel (varios) para que queden coma se fosen tubos abertos. Non fai falta que os pintedes. Pegádeos como na imaxe con pegamento ou grampas. Poñédelle un número pegado arriba. 
Outra alternativa sería facelo coas partes de abaixo dunhas botellas nas que recortades unha porta.
Se colocades o voso canicódromo pegado á parede, xa podedes xogar.
Podedes xogar libremente a ver quen mete máis canicas polas portas, a ver quen as mete na porta de determinado número ou facer varias tiradas contabilizando os puntos segundo as portas polas que entren. Vós poñedes as normas.


 



 LEMOS UN CONTO
Toda esta semana do libro tivestes contos para escoitar. Hoxe gustaríanos que nos contásedes vós o conto. Collede un libro (pode ser en papel ou dixital) e a contar!
Podedes contar a historia tal como é ou darlle o voso toque persoal, inventándoa a partir das imaxes. Pode ser un conto para antes de comer,  para merendar ou... un conto en pixama! 


Ningún comentario:

Publicar un comentario