luns, 22 de decembro de 2014

OS DE 4 E 5 ANOS TAMÉN SAUDAMOS A MELCHOR

Un enorme berro de tantos nervios que tiñamos recibiu a nova de que Melchor xa estaba sentado naquel trono que cada pouco mirabamos de esguello e que ata había uns minutiños estaba baleiro. Daquela fixemos unha longa fila e empezamos a darlle ás nosas cartas. Foi estupendo. Melchor preguntounos de un en un como nos tiñamos portado e... algún foi quen de contarlle unha mentiriña! (menos mal que as profes estaban atentas!). Tamén nos fixo lembrarlle o que pedíamos como agasallo por se houber algunha dúbida e deixou que nos fixesemos unha foto no seu colo. Bueno, iso os pequenos;os de 5 anos seica pesan xa moito e son tan maiores!
Aquí vos deixamos as fotos para que olledes as nosas cariñas.


MELCHOR ESTIVO NO NOSO COLE!

Nestas datas non podía faltar a visita do Rei Melchor. Ainda que con cara de sorpresa, conseguemos deixar a nosa cartiña, facer unha foto e ata repartir algún bico.


CANTO TRABALLAMOS.3 ANOS

O mellor de todo o trimestre é ver o resultado do noso esforzo nos traballiños que levamos para casa.

Mirade a cara de orgullo e satisfacción  que se nos pon cando repasamos todo o que fixemos ao longo do primeiro trimestre.

REMATANDO O TRABALLO DE KANDINSKY.4 ANOS

Os de 4 anos despois de falarmos sobre o cadro e antes de pintar entre todos á nosa reproducción de Kandinsky (maila nosa propia) tal como xa vos contamos, non quixemos ser menos ca os maiores e tamén fixemos o noso debuxiño individual contando a historia que sucedía nese pobo da imaxe. Naquela casa solitaria había unha festa e, como non podía ser doutra maneira, era unha festa de monstros!. Daquela ademais de facer os debuxos decidimos completar o traballo colectivo que fixeramos colocando os nosos monstros disfrazados camiño da festa. Aqui deixámos todo este traballo, ademais de amosarvos como quedou ao remate o noso cadro individual.





domingo, 21 de decembro de 2014

CONTACONTOS: O HOME DO SACO

Como xa contamos no blogue de A guieira o xoves 18 de Decembro fomos todos os de infantil a un contacontos na biblio invitados pola editorial Anaya.
Deixámosvos o enlace aquí para que vexades como desfrutamos con este novo conto.

CUMPLES DO PRIMEIRO TRIMESTRE.3 ANOS

O xoves pasado celebramos os cumples do primeiro trimestre. Puidemos comer unha boa merenda grazas á colaboura das familias. Parabens a Xiana, Alba P, Águeda, Inés, Antón, Xabi e  mais Enzo.

COS ÚLTIMOS DETALLES. 3 ANOS

Estas dúas últimas semanas fixemos um gran esforzo para poder levar a casa os nosos traballiños de primeiro trimestre. Bolsas de renos, postais, cartas para os reis magos, portadas, contraportadas...

Daquela despois deste gran esforzo ben merecidas son as nosas vacacións. Agora só toca desfrutalas.

KANDIN…QUE? EN TRES ANOS

Hai uns días, Libroucho, o moucho encargado da biblioteca neste mes de decembro deixounos unha carta pedíndonos unha vez mais a nosa axuda.
Nesta ocasión tiñamos que interpretar um dos cadros de KandinsKy.
Kandin...que!! - dixemos todos.
Tan  engaiolados estabamos coa proposta que comezamos a falar de todo o que viamos: as cores, a estación do ano, o pobo, a neve, a casa de Papá Noel e dos renos...

A partires de aí comezamos a facer o noso propio kandinsky coa axuda da profe Elvira e da Profe Charo  que nos ían dirixindo.



luns, 8 de decembro de 2014

TRABALLANDO CON KANDINSKY:4 ANOS. CÓNTAME UN CADRO.

Despois de facer o noso relato para Moucholibro collémoslle tanto gusto a contar historias que si antes falabamos un mundo contando as nosas cousas de monstros, agora xa é un non parar. É normal que o diálogo na alfombra polas mañás sexa interminable porque todos queren participar e últimamente contar os seus "soños de monstros", relatos completísimos que algún día a profe, -que de cando en vez colle lápiz e papel e apunta-, terá que pasar a limpo e compartir con tódolos que estades nas casas.
Daquela cando Libroucho -o moucho encargado da biblioteca este mes de nadal- mandounos a súa mensaxe e un cadro de Kandisky para llo "contar", lanzámonos en plancha. Ainda case non saira a imaxe en grande na pizarra dixital cando aquelo foi xa un fervedoiro de mans levantadas para falar. Claro está que Libroucho metera no cadro un elemento moi especial para nós...unha alcantarilla!


E falamos, e moito, de todo o que pasaba no cadro, da historia que non se vía, das cores, do ceo cheo de cores suxerentes, da época do ano que sae nel  e cómo non! vimos monstros e seres máxicos por tódolos recunchiños da pintura.
Aproveitamos tamén para enterarnos de quen era Kandinsky e outro día fomos á biblioteca a mirar outros cadros del desa mesma época (porque os entendemos mellor). Desta vez foi Candela Rey á que nos animou a miralos e a buscar o que mais lle gusta a ela, un cadro que ten un cabalo azul.
Despois de facer os nosos debuxos para Libroucho (No enlace de arriba podedes ver en que consiste esta actividade), nunha sesión diferente animámonos a facer nós de Kandinsky e pintar o cadro coas nosas cores. 
Fixemos dúas experiencias distintas. A primeira pintar pouco a pouco entre todos o cadro en grande, despois de pornos de acordo sobre as cores que íamos empregar. Despois cun tamaño mais pequeno cadaquen fixo o seu cadro e aí as diferencias xa foron moitas. Xa  iremos vendo todo o que fagamos porque a actividade ainda non está rematada e o traballo sobre este autor tampouco. De momento aquí vos deixamos unhas pouquiñas fotos.

O RELATO DE 4 ANOS PARA MOUCHOLIBRO

Os de 4 estivemos traballando unha mañá enteiriña para Moucholibro e quedounos un relato moi terrorífico. Esta era unha das palabras que nos deu na biblioteca. Xa noutra entrada anterior ou no blog de A guieira témosvos contado en que consitía esta actividade na que nos enrolamos.Como somos moitos e ainda pequenos pedímoslle mais palabras e  deunos tamén OSCURIDAD, VAMPIRO, MONSTRUO E TRUENO. Cando estabamos a piques de rematar o relato pareceunos que quedaba "coxo" se non saía un esquelete; así que, ante a insistencia de Paula, tivemos que ir por unha última palabra. Despois fixemos os debuxos e a profe montou o texto e as nosas imaxes para poder entregárllelo ao Moucho e metelo no arquivador que lle preparamos. Nós escribíramos o relato nun papel moi grande de embalar coma sempre facemos e aí se montou o problema. Ainda hoxe non somos quen de entender por que a profe non colle ese papelón e lévallo así á biblioteca. Daquela cada tanto alguén pregunta...Pilar, cando lle levamos o relato a Moucholibro? Seica non sabemos aínda que o Moucho xa o leu e gustoulle moitísimo. Vai ser mellor que nos mande unha mensaxe.

domingo, 30 de novembro de 2014

CONTAMOS MOITO: GATO GUILLE E OS MONSTROS


Como todo o mundo sabe aos nenos de infantil encántano-los contos e co noso entusiasmo arrastramos a tódolos que queiran vir connosco. Desta volta fomos cós nenos e nenas de segundo de primaria á biblioteca para desfrutar da historia "GATO GUILLE E OS MONSTROS", unha delicia de conto que nos ía contar a profe Malena. 
Comezamos así unha nova andaina do proxecto "Contamos Moito" no que queremos, coma tódolos anos,  desfrutar xuntos da lectura e no que traballaremos tamén xuntos arredor de diversos contos.
Non nos daba chegado o día porque todo o mundo sabe que Malena conta moi ben os contos e queriamos escoitala, pero...Desta volta non o contou ela; senon que trouxo a través da rede a unha amiguiña súa, unha nena que nolo contou dun xeito que nos tivo a todos abraiados e atentísimos. 
Cando rematou o conto Malena sacou dos seus petos os seus famosos "polviños máxicos" e fixo maxia da de verdade. Ademais prestounos o conto para que viaxe polas nosas aulas e poidamos mirar ben  tódalas súas páxinas. 
A cámara de fotos ese día non quixo funcionar ben, pero ainda así ollade as nosas caras...agora falta por ver o que organizamos a conta deses monstros imaxinarios!.














mércores, 26 de novembro de 2014

TRABALLANDO PARA MOUCHOLIBRO.3 ANOS

Xa fai algúns días, aló polo Samaín, o Moucholibro (mascota da biblioteca) deixounos na clase unha carta na que nos propuxo algo super divertido. Tiñamos que ir á biblioteca e atopar un sobre amarelo no que había unha palabra relacionada co medo. Con esa palabra tiñamos que inventar unha historia de medo. Bueno..., ou algo parecido!
E alá puxémonos a investigar na pizarra dixital sobre as BRUXAS porque foi a palabra que nos tocou. Este foi o resultado...un libriño para cumplir o desexo do mouchiño.


O REI U EN TRES ANOS

Que non poñamos cousiñas novas no blog non significa que esteamos sen facer nada. Todo o contrario, estamos coñecendo o Rei U unha persoaxe moi importante no pais de letrilandia.

domingo, 23 de novembro de 2014

O MAGOSTO TAMEN O CELEBRAMOS

Xa van dúas semanas, pero ata agora non vos puidemos dar conta da nosa celebración do Magosto. Gústannos moito as castañas e tamén a tradición do San Martiño e ainda que non era o día propio, o 7 de novembro (coa vosa axuda porque este ano non tiñamos castañas de balde) aproveitamos que a chuvia daba un respiriño e saímos ao patio a cheira-lo fume das castañas e desfrutar delas. Antes fixemos xogos, -como os maiores!-;os de 3 e 4 anos no ximnasio; os de 5 anos no patio cuberto...é que somos tantos!

luns, 10 de novembro de 2014

CHEGOU O GRAN DÍA. MAIS SAMAÍN INFANTIL

Por fin chegou o tan agardado día. Todos estabamos preparados para dar moito medo e para pasalo moi ben. Houbo tempo para todo: Para facer fotos cos nosos disfraces, para baillar, para participar e experimentar no obradoiro de "baleirado de cabazas" e sobre todo para aprender unha morea de cousas coas nosas teachers Patricia e Abi. As dúas explicáronnos en inglés todo o que iamos facer no obradoiro.
Botádelle unha ollada ás nosas caras de medo e entusiasmo.
 

PREPARATIVOS DE SAMAIN NA AULA DE 3 ANOS

Para celebrar o día de Samaín tiñamos que ambientar a nosa clase e os nosos corredores de forma axeitada. Tan entusiamados estabamos que ó longo da semana non paramos de traballar facendo morcegos, pintando cabazas e pantasmas, coñecendo, gracias á profe Pilar, a Tufo, un monstro que de cando en vez aparece na clase de 4 anos. En definitiva, uns días algo atarefados.

sábado, 8 de novembro de 2014

UNHA FESTA MOI ESPECIAL

Hoxe venres 7 de novembro celebrabamos doble festa. Por unha banda  o cumpleanos de Eva; por outra banda, o magosto. 
Do magosto  xa vos contaremos. Agora imos ensinarvos o ben que o pasaron na festa de cumple. Eva e maila súa mamá prepararon uns agasallos moi especiais para nós e desfrutando deles pasamos unha mañá maravillosa no cole seguindo ademáis co noso proxecto de monstros. Hoxe non falamos de monstros, senon que tivemos a oportunidade de converternos nun deles. Que como o fixemos? Foi moi doado. 
A clase apareceu adornada cunha grilanda nova de banderíns e monstros e atopamos un misterioso taboleiro de madeira tapadiño cun pano. A profe e mais Eva levaban varios días a nos dicir que tiñan un segredo ambalas dúas e que un día ou outro ían contárnolo. Algúns (os que sempre andan a matinar en todo o que xurde na aula) contraatacaron dicindo que eles tamén tiñan un segredo e debecían porque a profe lles dera permiso para contalo. Pero...a protagonista desta historia era Eva e Pilar non deixou que ninguen lle quitase o protagonismo.
 O venres chegou o día. A grilanda encantounos, pero aquela cousa tapada...  non semellaba nada divertida! A nosa primeira reacción foi de desencanto, pero tódalas caras mudaron cando Eva deulle a volta ao taboleiro e asomou a súa cara convertida en MONSTRO!. 
Nun monstro moi especial...un dos amigos de Max protagonista do conto que tanto nos gusta. Enseguidiña todos quixeron probar. Cantabamos "Un, dous, tres en monstro mudarás"e....listo! un tras outro ía mudando a faciana e poñendo cara monstrosa.
Despois chegou a transformación total. Eva repartiu bocas e pes de monstro con puntiagudas poutas.Colocamos a boca, sacamos os zapatos e puxemos os pes e saimos pasear polo corredor camiñando coma verdadeiros monstros.Era unha sensación moi extraña, dixeron.
Eva regalounos un tatu de monstro e deixounos probar unha cola monstrosa. Menudos meneos demos con ela!
Despois tivemos que deixa-la festa e marchar ao magosto e á volta inda nos deu tempo a xogar un pouquiño ca ultima sorpresa do día...unha impresionante pelota monstro ca que poderemos seguir xogando mentres seguemos a traballar cos monstros. Uf, menudo día!

SAMAIN EN INFANTIL



O día de Samain foi moi especial. Para empezar daba arrepío entrar no cole porque entre as cabazas monstrosas e tódalas presencias terroríficas que estaban entrando pola porta daban gañas de sair a fume de carozo. Por se non fose abondo, o mural de monstros que fixeron na clase de inglés tamén puña moito medo.
Ainda así entramos todos, fixemos fotos e puxémonos a baleirar cabazas e convertilas en calacús. Desta volta tivemos dous invitados moi especiais: os nenos de 3 que nos axudaron con entusiasmo e as "teachers" Patricia e Abi. Abi contounos en inglés (claro!) como facían o Samaín nos Estados Unidos. Bueno, alí chámanlle Halloween e non somos nós quen copiamos esta tradición, senon que foron os seus antergos os que a levaron a América seguindo os costumes celtas. 
Aqui nos vedes a todos asustando aos que non se disfrazaron (e a algún disfrazado tamén) e poñendo as mans nas cabazas para sacarlle todo o que teñen dentro. Despois limpamos ben as pipas porque, como lembrades, sementarémolas na primavera. Por certo! Unha das cabazas que baleiramos foi a que medrou das pipas e plantas que sementaramos no noso xardin este ano e puidemos recollela agora para aproveitala na festa.
 As outras, mágoa! apodreceron cando viñeron esas chuvias torrenciais de hai algunhas semanas. Daquela puidemos  experimentar e observar o proceso natural completo de como nace unha cabaza.

ESTA É A NOSA CABAZA
QUE GRANDE NOS MEDROU!


Despois do traballo cabaceiro, na hora de ler en vez de nenos e nenas puidemos ver a tódalas persoaxes de Samaín desfrutando da lectura; e mesmo quixeron, ao rematar, sair ao patio a xogar. Vendo as fotos todos nos preguntamos...Pero onde foron os nenos do cole? 



NOMES MONSTRUOSOS

Na semana de Samaín o noso monstro Tufo fíxonos un agasallo moi especial. Para que nos afagamos a ver o noso nome con distintos tipos de letra ( ainda que todas maiúsculas) e traballar ben a percepción do ollo, mandounos un paquete bastante pesado que o principio non nos atreviamos a abrir. Menos mal que Mikel é un valente e tomou  a iniciativa...os demais non as tiñan todas consigo. Cando por fin foi quen de abrilo descubrimos os nosos nomes feitos con letras monstrosas que nos emocionaron moito. Mirade! a ver se sodes quen de lelos...!


MONSTROS EN TODAS PARTES

Na aula de 4 anos o Samaín empezou hai ben tempo porque os monstros xa son os nosos compañeiros e amigos e como xa vos dixemos aparecen por todas partes. Nós tinguimos o traballo de outono de tintes monstruosos e estivemos a construir paseniño un mural o que lle chamamos OUTONO MONSTRUOSO. Como os monstros nacen das manchas de pintura, segundo aprendimos no noso caderno de montruos, neste mural tamén empezaron a aparecer monstros diversos despois de que pintasemos entre todos un fondo que nos quedou moi pantasmal...
Primeiro fixemos monstros follas porque quixemos axudar os pequenos de 3 anos a decorar o corredor con motivos de outono e... claro! en troques de follas normais saíronnos follas monstrosas. Despois, fixemos uns caracois e, ainda que o intentamos, pasou o que pasou; quedoulle a todos eles unha pinta tamén monstrosa. E xa que estabamos... por que non facemos unhas árbores? -dixo alguén; e que queredes que vos diga?. Foi o complemento perfecto. Agora estamos a agardar que lle saian ollos, nariz e boca monstrosa...Xa vos contaremos porque de certo pasean moitos monstros pola nosa aula e algúns (ou algunhas) saben facer maxia.




mércores, 5 de novembro de 2014

PRIMEIROS DÍAS DE COLE EN 3 ANOS

Ainda que non o pareza xa hai case dous meses que comezamos un novo curso, dando a benvida a 25 pequechos de 3 anos. Aquí tedes unha pequena mostra do que foron os seus primeiros días de cole.
Parabens a todos!
 

domingo, 26 de outubro de 2014

MONSTROS E DEMAIS

Por outra banda, levamos un tempo xa co noso proxecto dos monstros e isto tennos ben alterados.  A profe ten que facernos parar de tanto rebumbio que montamos. Ás veces non entendemos que é un proxecto para pasalo ben e divertirnos, pero tamén para pensar. Cando falamos do que sabemos dos monstros e do que queremos investigar non somos quen de calar para que falen os demais e todos queremos facer ás nosas aportacións á vez. Todos din que a profe ten que procurar, de novo, o pauciño máxico de falar que se perdeu durante as vacacións; porque ainda necesitamos a maxia para regular o noso comportamento.
Traballamos entre o medo e a risa porque está claro que os monstros só existen nos contos, pero a verdade é que podemos atopalos en calquera recuncho e mesmo están empezando a deixarnos mensaxes que nos motivan a descifrar as palabras e nos deixan entusiasmados.
Traballamos cos contos, a nosa principal fonte de investigación, e xa coñecemos os amigos de Max (do conto ONDE VIVEN OS MONSTROS) e o valente  Mateo, un neno capaz de facer fronte ó arrepiante monstro bermello de A MIN NON ME COMAS. Tamén  coñecemos O GRÚFALO,   e mailo  monstro do ollo móvil que nos conta os seus segredos, os monstruos do cine, e moitos mais...
O noso recuncho de monstros vai medrando grazas ás aportacións de moitos e moitos son tamén os que nos regálan coa súa imaxinación.  Monstros imaxinarios visitaron moitas casas e Tiago, por exemplo, trouxo no seu peto uns polviños máxicos que cando os frotamos nos ollos somos quen de ver monstros e pistas invisibles. 
Dá gusto velos imaxinar mil e unha experiencias “monstrosas”
 -que teñen dentro e fora da escola- e como inventan monstros que non están nos libros e se esforzan en darlles apariencia real. Por poñer outro exemplo, Paula esforzouse en que o seu pai lle axudara a debuxar o monstro Pipón para podernos amosar como era. Claro que o nome puxérallo Roi antes de poñerse maliño e cando volveu o cole non estivo moi de acordo con que Pipón tivera aquela pinta…
-ERA DE OUTRA MANEIRA! Dixolle cando Paula lle ensinou o seu debuxo.

E dá gusto escoitalos cando din “teño unha idea” ou o mellor de todo cando din…sabes, Pilar, deime conta dunha cousa!…e ofrécennos a súa particular reflexión sobre calquera detalle do que observamos e traballamos. Coma sempre, poida que o noso traballo “na mesa” non sexa espectacular, pero sí o son as experiencias e as capacidades que poñemos en funcionamento con este proxecto.
Unha das cousas que mais nos divertiu polo de agora foi buscar “na basura”. Un dos monstros que pasa polo cole chámase Tufo, así que para atopalo hai que empregar o nariz…E onde cheira mal? Xa o podedes imaxinar,…Unha mañá estivemos a procuralo e atopamos mil e un lugares onde “atufaba”, ainda que non estaba en ningún deles. Pero nós pasámolo de medo!
Este proxecto vai para largo, mesturado xa coa proximidade do Samaín, e agora ven  o traballo “duro” coa reflexión lectoescritora e o traballo no cuaderno de monstros.
Temos un mural de manchas monstrosas e outro de outono monstroso, temos os nosos nomes de monstros pegados nas nosas fotos, e estamos convertindo en monstros todo o que tocamos…
  Xa vos iremos contando, pero non perdades coidado porque a diversión non rematou; ainda nos queda moita festa (de aprendizaxe) na aula.


VOLVEMOS CONTARVOS AS NOSAS COUSAS

Hoxe é o día!... Despois de moito intentalo, por fin temos un oco para botar de novo a andar este blog e contarvos polo miudiño as cousiñas que van ir construindo esta nova andaina.
Comecemos polas novidades. Como todo o mundo sabe os que antes eramos de 3 anos xa somos de 4  e o primeiro que fixemos no cole foi aprender os hábitos de ser maiores…temos que escoitar mais, falar mellor, pensar mais, facer todo con mais coidado e concentrármonos mais no traballo. 




Temos profes novas, ás que xa queremos moito; pero botamos moito de menos a Paloma. Nas nosas conversas sempre temos algo que dicir do ben que estabamos con ela.

Tamen temos  un tempiño de xogar sós cos xogos matemáticos e de lermos sós, sen que a profe nos conte os contos. Xa o faciamos o curso pasado, pero agora facémolo tódolos días á mesma hora, segundo rematamos os nosos tentempés antes de irmos ao recreo. Encántanos facelo e sobre todo lerlle ós demais. Non lle podemos chamar lectura “silandeira”, porque de feito montamos moito barullo lendo en alto cada quen o seu conto, contándoo o mesmiño que o conta a profe e rindo e emocionándonos coas imaxes que vemos. Tamén estamos a traer contos da casa para compartilos cos nosos amigos.

domingo, 8 de xuño de 2014

LIBRO DO PROXECTO DOCUMENTAL INTEGRADO

Por fin este longo proxecto está piques de chegar ao final. Faltan uns pequenos detalles como rematar de montar a nosa horta de "plastilina e outros materiais" e explicarlle a tódolos compis do cole o que temos traballado ao longo do curso. Ainda que ao mellor xa o mirastes no noso blogue de biblioteca, e este luns colocáremolo na entrada do cole, deixámosvos aquí a versión dixital do noso libro sobre "os cultivos de Galicia" para que vexades todo o que fixemos os de infantil e de paso as outras clases de primaria. No blog da biblio e do proxecto documental tedes a información completa da chea de traballo que hai detrás destas "poucas" páxinas.


SEMENTANDO SEMENTANDO

COUSAS AINDA POR VOS CONTAR

Con tanto lío que temos, porque cando non estamos metidos nun proxecto estamos noutro, van quedando cousas polo camiño sen rematar de contar. Aquí van algunhas delas.

-QUE PASOU COAS PIPAS DE CABAZA QUE SEMENTAMOS NO PATIO? 
PLANTÁMOLAS NO XARDIN.


cabazasnoxardin3anos2013-14 - Movie Maker

-COIDADES QUE OS NOSOS VERMES NON ESTÁN A MEDRAR? 
TRABUCÁDESVOS...

Este ano saíron tantos tantos que  puidemos repartir con alguna profe e ainda así temos un exército de vermes lambóns que sobre todo agora que xa se está facendo moi grandes non damos alimentado. Menos mal que a nosa moreira é grande e ten follas fermosas.












Agora xa están enormes e... sorpresa! empezan a facer o casulo. Estamos emocionados!






Tamén recibimos visitas de moitos animaliños. De tódolos  que trouxeron ao cole os nosos compis de 4.  Mirade estes cullarapos e mais esta  cabuxa. Bueno nalgún momento corría tanto co susto que non sei se seredes quen de vela!. Tamén nos visitaron un coelliño e unhas tartarugas, pero agora non atopo as fotos.










Menos mal que o lobo non veu,  ainda que nós seguemos a pecha-la porta...Non vaia ser! Claro que como lle aprendemos a facer caldo de verza...! 
Para non duplicar as entradas mirade  o resumo de todo o que traballamos sobre a verza ao longo do curso no noso blogue especial  para o Proxecto Documental Integrado deste curso "cultivos de noso". Ah! non sei se vos dixemos que "nós" somos os de 3 anos...



domingo, 1 de xuño de 2014

FESTIVAL DE FIN DE CURSO EN INFANTIL

Como todos sabedes e moitos vivistes en directo, o pasado venres celebramos o festival de fin de curso no cole. Pero, tranquilos, ainda nos quedan tres semanas para seguirvos contando as nosas aventuras.!
Para que vos vaiades entretendo deixamos AQUÍ o enlace ás actuacións do festival. Xa sabedes que se queredes ve-las fotos de Primaria, van a ir aparecendo no outro blog  "fonte dos frades".

mércores, 28 de maio de 2014

ACTIVIDADE FINAL DO PROXECTO PIRATA: A BUSCA DO TESOURO

Nós sempre imos un pouco retrasadiños contando as cousas. E agora que xa somos exploradores estas lerias piratas quédannos un pouco lonxanas. Pero non queremos deixarvos sen a guinda do pastel e aquí vos deixamos as fotos  da busca do tesouro  que por fin despois de moitos días de chuvia puidemos facer no patio. Algun seica pensou que non íamos atopar nadiña, pero...que sorpresa levamos todos. Claro que co mapa que levabamos...Mirádenos como desfrutamos das xoias, coma se fosemos piratas de verdade!. Ah e que ben seguimos as pistas! Tanto nos gustou que quixemos seguir as pistas ao revés para poder volver á clase e enseguidiña fomos contarlle todo os compis de 4 anos.


OS DE 4 ANOS FAN TARTA DE QUEIXO

Despois dunhas cantas receitas que xa levamos preparadas nótase que estes nenos e nenas de catro anos manéxanse  na nosa particular cociña coma uns pequenos expertos. Desta vez atrevéronse cunha torta de queixo que despois de pasar o traballo de facela deron boa conta dela. Así de ben o fixeron, mirade….



TORTA DE QUEIXO:
-          1 QUEIXO CREMOSO
-          1 IOGURT NATURAL
-          4 OVOS
-          100 GR DE FARIÑA
-          200 GR DE AZUCRE
-          150 GR DE LEITE
-          200 ML DE NATA LÍQUIDA


-          MEDIO SOBRE DE FERMENTO

sábado, 3 de maio de 2014

MENUDO CUMPLEANOS!

Hai nenos que teñen moita sorte e iso foi o que lle pasou a Roi  este mércores pasado. Quen lle ía dicir a el que precisamente o día do seu cumpleanos era o día escollido para o "Torneo piratas vs cabaleiros". Coa gaña que el tiña de loitar! 
Ademais recibiu un agasallo moi especial da doutora xoguetes...a mesma que arranxara a Mica!
 A primeira hora da mañá fixemos os últimos preparativos  na nosa cova: as bolas de canón que teríamos que disparar contra o castelo dos cabaleiros. Tiñamos bandeira, tiñamos espadas, tiñamos bolas ...ainda que teriamos que disparalas coa man porque non había canóns ¿cousas dos recortes?
Todo o mundo sabe que os piratas non participan en torneos, pero nós somos uns piratas moi especiais que quixemos compartir este xogo cos nosos "amienemigos". Como eles non tiñan espadas, prestámoslles as nosas; e eles prestaronnos os seus cabalos. 
As 12´30, a hora acordada, fitámonos uns aos outros no campo de xogo. (o ximnasio). O torneo tiña varias probas e coido que o final quedamos mais ou menos empatados, pero o mellor é que o pasamos en grande.
Primeiro fixemos unha carreira  a ver quen chegaba antes a coller a bandeira pirata. Ali  gañáronnos os cabaleiros e algúns piratas houberon de repetir o percorrido porque facían trampa.
Despois, loitamos valentemente coas nosas espadas en grupiños de 6. Coido que houbo empate porque os cabaleiros se defenderon moi ben.
A terceira proba foi "roubarlle o pano as princesas e principes". Os cabaleiros tiñan que nos perseguir e recuperar o pano, pero nós corremos moito e resistimos ata o final.
A última proba  foi "o asalto ao castelo" coas bolas de canón. Os cabaleiros devolvíannos tódalas bolas, tirándoas sobre o noso barco; pero esta proba sí que a gañamos porque ó final había mais bolas no seu castelo. (Claro que moitos piratas seguían tirando bolas cando o tempo xa estaba parado. Nótase que aprenderon moi ben cómo se comporta un pirata) 


venres, 2 de maio de 2014

CLASE DE PSICOMOTRICIDADE

¡Ola, Mamás e Papás! 
 Como os nenos e nenas de 5 anos estaban a traballar, neste trimestre, nun proxecto adicado ao ARTE, pareceume unha boa idea traballar tamén, na clase de “Psico”, o devandito proxecto. Polo tanto adicámoslle varias sesións a KEITH HARING: artista e activista social neoyorkino que reflexou no seu traballo o espíritu da xeneración pop e a cultura da rúa dos anos 1980. Traballamos o noso corpo a través dos seus “Grafitis” e con el descobrimos as articulacións do Corpo e como moitas posturas son moi difíciles de facer.
 • Imitamos os diversos movementos e posturas do corpo. 
• Coordinamos os movementos duns cos doutros.
 • Representamos co noso corpo algunhas das súas obras, e 
• Plasmamos o resultado do traballo nun bonito mural, expresando toda a nosa creatividade e ampliando o noso coñecemento. A todos os nenos e nenas gustoulles moito a devandita experiencia. Aquí vos deixo unhas fotos para que disfrutedes do proxecto e do artista. 
 Un saúdo : Paloma.

PIPAS DE CABAZA. SEGUEMOS A VER OS PROCESOS DO MUNDO NATURAL

Xa vos comentei que antes das vacacións o ritmo de actividade foi frenético, así que ainda nos queda por contar que aproveitamos a plantar nunhas macetas (porque a horta estaba enchoupada ) as sementes de cabaza que separaramos e deixaramos secar no Samaín. Naquel momento non prestáramos moita atención o que facíamos porque eramos moi pequenos e agora case tampouco. A profe ocurríraselle levar ao patio tódolos trastos para plantar e... caramba como íamos estar quietos co areeiro e os columpios tan preto! ...había tan pouquiñas ocasións de ir xogar fora! Todo mudou cando volvemos das vacacións e a nosa sorpresa foi que tamén naceran aquelas plantiñas. Agora tamén observamos e regamos tódolos días. Menos mal que é tarefa do "axudante" porque senon pobres cabaciñas!
Faltan fotos que quedaron no cole pero ide mirando estas...



UNHA NOVA XERACIÓN VAI DESFRUTAR DA EXPERIENCIA DOS VERMES.

Un ano mais imos desfrutar nas nosas aulas da experiencia de ver nacer e medrar os vermes de seda. Este ano vai ser especial, porque dí a profe que  poderemos comparar este proceso co que sabemos do ciclo das xoaniñas.
Para nós, que o noso primeiro ano no cole, esta é a primeira vez. Para os nenos de 4 anos,  a quen os compis do ano pasado - os que están  agora en primeiro- regaláronlles ovos (e souberon conservalos) vai ser revivir o que  xa viviron...pero eran tan pequeniños! . Non sei se lembraran algo...
Cando a profe apareceu cos oviños, recen sacados da neveira antes das vacacións de Semana Santa, pareceunos mentira que dalí poidera sair algo. Ela díxonos que os vermiños levaban alí dentro dende principios de verán, antes de que nós chegasemos á escola.
Ao mesmo tempo a profe Paloma trouxo unha caixiña cuns vermiños que xa naceran na súa casa...que sorte  a ela tamén lle gustan moito!. Daquela puidemos ir comprobando que ó mellor era verdade o que dicía Pilar.
Cando volvemos das vacacións os vermiños xa saíran...eran uns puntiños tan pequechos que case non nos mirabamos, ainda que tiñamos unha boa lupa;...pero, sí moviánse!. Agora dámoslles de comer tódolos días e imos vendo como medran pouco a pouco.
Xa vos iremos contando.











UNHA DE PIRATAS: UN PROXECTO SEN LIBROS E VIVIDO. .

Como xa sabedes tódolos pais e nais, na aula de 3 anos témonos convertido en piratas. Agora queriamos  contarvos un pouquiño polo miúdo todo o que nos aconteceu. Esperamos non cansarvos moito.
  E por qué volo contamos todo con tanto detalle?...para que vexades o que non poderedes ver nas carpetas, xa que este traballo e todo o que fixemos no obradoiro de plástica non se pode empaquetar e como moito do que facemos pode que non chegue nunca ás casas (seguro que o rompemos todo antes de tanto xogar con todo). Ademáis son moitas as nais e os pais que se queixan de que os nenos e nenas non contan nada cando chegan de volta...é que a escola forma parte do noso mundo particular - do que vivimos cos compañeiros- e  gústanos telo un pouquiño en segredo!.
Se queredes sabelo todo premede aquí, senón simplemente disfrutade coas fotos que vos deixamos. Claro que fotos non hai de todo o proceso, só dalgunhas cousiñas.

23 DE ABRIL. O PLACER DE LERMOS XUNTOS

Por fin chegou o día. Os padriños e madriñas viñeron buscarnos, fóronnos chamando polos nosos nomes e leváronnos con eles. A idea era buscar un recunchiño no cole ao aire libre e desfrutar da lectura ó tempo que nos sentabamos na herba ou nalgún outro agocho. Pero tanta chuvia está interrompendo moitas das experiencias que estamos desexando ter esta primavera e tivemos que buscar refuxio no ximnasio. Non importou...o caso era compartir e gozar cos libros e cos novos amigos!.
Se queredes ver as fotos do resto do cole ide a fonte dos frades ou  a  a guieira


OS PADRIÑOS E MADRIÑAS LECTORAS PRESÉNTANSE

A segunda nova emocionante daquela mañá  foi a presentación dos padriños e madriñas lectoras. Este ano a biblioteca organizou esta bonita actividade para celebrar o Día do libro. Nesta actividade  os nenos maiores ían compartir con nós durante un chisquiño a lectura de distintos contos Para que todo saira ben os padriños, nenos e nenas de 4º de Primaria, quixeron coñecernos para que non estivesemos asustados e desfrutaramos da lectura. Dito e feito, ainda non nos repuxeramos da sorpresa do conto da fada Marina cando de súpeto apareceron estes mangallóns na clase. Algúns puxemos cara de susto, pero despois de coñecelos agardamos con impaciencia que chegara o 23 de abril, o Dia do Libro.