martes, 22 de decembro de 2015

luns, 21 de decembro de 2015

OS DE 5 ANOS VISITAMOS AO PAXE REAL

Comezaba o mes de decembro cando ún de nós preguntou impaciente...
-Pilar, é hoxe o día que ven o paxe?
- Ufff!!!  aínda tes que agardar un bó cacho!!!
Semellaba moito, pero á fin chegou e puidemos sentarnos canda el a contárlle-los nosos desexos. Todos puxemos cara de anxiños, mesmo os máis rebuldeiros. Menos mal que a profe estaba moi atenta e cando o paxe preguntaba aquilo de... como te portaches? ante o seu "sí" rotundo escoitábase unha toseciña nerviosa...!!
Nos días anteriores preparamos as nosas cartas, engadimos un debuxo para a súas maxestades e metímolas nos sobres agardando poder entregalas. Menos mal que á profe deulle tempo a lles facer unha foto, non sexa que o paxe perda algunha e haxa que volver mandarlla ós Reis.
Déixovos ver algunhas delas...das que quedaron mais clariñas de entender. En outras os Reis terán que facer un grande esforzo de tradución, ainda que de seguro non se trabucarán ao preparar os nosos agasallos.







Quere unha batería!









UN MAGO PARA INFANTIL E PRIMARIA

Antes das vacacións tódolos nenos de infantil desfrutamos canda os nosos compañeiros de 1º,2º,3ºe 4º de Primaria dos trucos e ocorrencias dun mago que nos visitou. Non, non, aínda non eran "os magos" de verdade, os Reis magos, pero puidemos desfrutar da maxia e ir facendo boca!!.


SEGUIMOS CONTANDO AS COUSAS DO TRIMESTRE. 5 ANOS

Ademais do que xa tedes visto nas outras entradas, este trimestre comezou a rolar polas casas A MOCHILA VIAXEIRA, ademáis das súas compañeiras a BOLSA DE ENREDOS LECTORES e  a MALETA DE ENREDOS; máis pequenas, pero non menos importantes en canto ao seu contido. Ámbalas dúas son para entreter á espera mentres non chega a quenda de levar "A mochila", pero ésta é unha espera "activa". Algúns dos nenos e familias que a levaron xa deixaron as súas mensaxes e preferencias no caderno e todos escoitamos encantados o que nos teñen que dicir cando a traen de volta.
Case sen nos dar de conta, chegamos á fin do trimestre, mentres traballabamos nas matemáticas, nas nosas noticias (cadaquen trae a  aula e fala daquelo que lle parece interesante), nas  nosas pescudas sobre o faro que nos encargou Reilibro... 
Á conta da nosa descoberta de que os romanos estiveron nas Illas Cíes comezamos o noso proxecto, pero eso xa volo contaremos no segundo trimestre. Tivemos  tempo de axudar aos compis de 3 anos na súa pescuda e fixémolo encantados...por algo somos os maiores!!!
Tamén traballamos nas tarxetas con agasallos lectores e celebramos os últimos cumpreanos có número 5. A partir de agora o número 6 vai se-lo rei. 


domingo, 20 de decembro de 2015

DISFRUTAMOS DO NADAL

Aquí vos deixamos unhas imaxenes de como preparamos e disfrutamos do Nadal...
Os nenos e nenas de 3 anos e a profe  Vanessa deséxanvos unhas FELICES FESTAS!!!!


luns, 16 de novembro de 2015

...AO MAGOSTO (5 ANOS)

Na semana do Magosto estivemos preparando o noso paquetiño para gardar castañas. Precisabamos un ben grande porque a nós gústannos moito; xa ides ver que a gusto as comemos!!
O xoves, antes de ir ao patio  descubrimos unha invitacion no corredor e aproveitamos para desfrutar dun conto lido polos compañeiros de 5º de Primaria. E que xa nos gusta sentirnos un pouco maiores!!!. 
Cando chegou o venres o día do magosto pasámolo moi ben comendo, comendo e xogando no patio cos tódolos nenos e nenas do cole. 

DO SAMAÍN...

Non acababamos de desfrutar o Samain e xa viña aí o magosto, tamén con gaña de festa. Nós coma sempre dispostos a todo...a pasalo  moi ben e a compartir as nosas risas con tódolos compañeiros. 
No Samaín, ainda que metiamos moito medo, recibimos por vez primeira aos compis de 3 anos na nosa aula. Eles que son pequenos semellaba que non se atrevían a entrar; pero ao final ata cantaron e baillaron connosco.
Despois seguemos a facer as nosas cousas, aínda que vestidos de mil e un monstros; mesmo saímos á escaleira a asustar a tódolos  que pasaban por alí.
Ao final da mañá compartimos unha peli de sustos cos amigos de primeiro...e que xa sabedes que para ser "monstros a domicilio" temos que aprender a asustar!!.

sábado, 14 de novembro de 2015

xoves, 12 de novembro de 2015

QUE PASA COS DE 5 ANOS

Dende que os de 5 anos mudamos de piso e andamos polas "alturas" do cole, semella que estamos desaparecidos. Non hai novas nosas...aínda que vos aseguramos que sí estamos no cole e ademais estamos moi traballadores. Claro que como temos que aprender algúns hábitos de maiores,  non nos metemos de cheo a pescudar nas nosas cousas, pero todo vai ir indo aos pouquiños. A nosa teima fundamental estes dous meses foi aprender a pensar en valores e tamén matemáticamente; ademais de aprender a organizar o espacio no papel e a mellorar os nosos trazos. 
Agora e para que serva de "aperitivo" deixámosvos dúas sesións de fotos (non hai moito tempo para facelas e faltan moitas das cousas que fixemos nos días que a cámara non estaba preparada) . 
Na primeira van as primeiras experiencias deste curso,... espacio novo, xoguetes e xogos novos, traballo libre e con consignas co material matemático, primeiras experiencias cos nosos amigos os monstros, o dinosaurio que nos serve para medirnos cada curso (ollade que as marcas verdes son as de cando eramos pequechiños e as azuis as que fixemos este ano!!), primeiros cumpleanos, primeiras aportacións para compartir cos compañeiros,...
Na segunda védesnos traballando nos libros que levamos de préstamo mentres os secretarios de biblioteca van apuntando o que levamos para casa. 
Tamén traballamos os froitos que trouxemos para a exposición, pero o noso traballo rematou antes de tempo porque tivemos que levar a un vermiño vermello  ata o seu "domicilio" no castiñeiro e claro ...xa que estabamos fora aproveitamos a desfrutar do outono!!.


SAMAÍN EN 4 ANOS

Chegado o desexado día deunos tempo a todo:
-A ensinar os nosos disfraces
-A facer un taller de cociña con plátanos e tanxarinas que resultaron pantasmas e cabazas.
-A comelo todo
e, por suposto, a cantar e bailar.


PREPARATIVOS DO SAMAÍN EN 4 ANOS

A semana previa ao Samaín os nenos e nenas de 4 anos adicámonos a preparar a clase e a facer unha momias e gatos terroríficos.


martes, 3 de novembro de 2015

CELEBRACIÓN DO SAMAIN( 3 anos)

Vimos de celebrar o noso primeiro Samain no cole e queremos compartir convosco os bós momentos que pasamos.


domingo, 4 de outubro de 2015

PERIODO DE ADAPTACIÓN EN TRES ANOS

Novo curso e para ir abrindo boca nada mellor que mirar a estes cativos que deron nesta tempada os seus primeiros pasos no mundo escolar.

 

venres, 3 de xullo de 2015

BÓ VERÁN

Despois dun ano cheo de cambios e adaptacións, coido que todos temos dereito a un merecido descanso. Grazas a tódalas familias pola vosa colaboura e vémonos en setembro.


BÓ VERÁN A TODOS!!


xoves, 2 de xullo de 2015

CUMPLES DO 3º TRIMESTRE

Despois da excursión quedaban por celebrar os aniversarios dos nenos que cumplen na recta final do curso ou xa no verán. Así que nos puxemos mans á obra: elaboura das coroas, libriños dos protagonistas, colaboración das familias para organiza-la supermerenda que tivemos...Nestas fotos podedes ver as cariñas de felicidade dos protagonistas.

mércores, 1 de xullo de 2015

IMOS DE EXCURSIÓN

Un final de curso non é tal senón hai unha excursión en toda regra. Desta vez todo o cilco de infantil decidimos ir de visita  ao monte da Guieira. O certo é que fixo bastante calor pero ainda así aprendemos unha morea de cousas e desfrutamos dunha merecida merenda ao aire libre.

QUE FIGURAS PODEMOS FACER COAS NOSAS MANS E OS NOSOS PES

Está claro que se poden facer un milleiro de cousas coas nosas extremidades. De feito na clase estivemos a enumerar algunhas delas. Neste caso eliximos facer un fondo mariño coas nosas mans e unha bolboreta cos nosos pes. Aquí tedes todo o proceso e na vosa casiña o resultado final.

domingo, 28 de xuño de 2015

OS NOSOS 5 SENTIDOS

Este foi un dos obradoiros máis interesantes e divertidos que fixemos coa profe Charo (ou polo menos esa é a sensación que ela percibiu nas nosas caras). Tratábase de probar, manipular, ulir, ver ou escoitar diferentes cousiñas que a nosa mestra nos presentou. Concluímos dicindo que algunhas cousas poden ser doces ou salgadas, poden ulir ben ou mal, poden ser suaves ou rugosas, ásperas, duras ou brandas; e que , xa que logo, en todo este proceso empregamos a vista, o oído, o tacto o olfato e o gusto.


COIDADO E HIXIENE PERSOAL

Desta vez, tocounos falar do importante que é o coidado e a hixiene persoal. Daquela, na "asamblea"conversamos e manipulamos os diferentes útis que empregamos a cotío para coidar o noso corpo. Non só falamos de como se chaman, tamén de cando as empregamos e como se utilizan. Pero non todo foi falar da hixiene, tamén salientamos a importancia que ten descansar as horas suficientes ou  alimentarnos correctamente.

mércores, 24 de xuño de 2015

QUE SERÁ, SERÁ QUE SEN PILAS NON PARA DE ANDAR?

Foi a nosa primeira adiviña e ainda que nos custou un pouquiño resolvela ao final coa axuda da profe Charo descubrimos que o que non para de traballar e andar é o noso corazón.


COMO SOMOS POR DENTRO?

Unha vez que xa sabiamos como eramos por fóra tocaba saber que había dentro dos nosos pequenos corpos. Descubrimos -grazas ao doutor osiños-  que todos temos un esquelete, que os ósos son as partes duras do noso corpo ou que ás veces precisamos facer unha radiografía ("foto dos nosos ósos" )para comprobar se temos algún roto ou non. Á fin, unha chea de cousas.














COMO SOMOS?

O prometido é débeda; aquí tedes un pequeno resumo de cómo comezou o noso proxecto.

Despois de montar os nosos recantos  e  de pór en común todo o que sabiamos do noso corpo, comezamos a investigar, a facer hipóteses e, sobre todo, a aprender xogando.

O primeiro que fixemos foi pesarnos, medirnos e compararnos no espello da clase, concluindo que uns somos morenos, outros loiros, uns temos os ollos azuis, outros negros ou pola contra marróns.

venres, 12 de xuño de 2015

AS SOMBRAS DE FILIBERTO

Hai tempo que "Filiberto e o xastre de sombras" coa súa tixeira viaxou polas aulas de Primaria para animar a tódolos nenos e nenas a debuxar sombras diferentes; sombras que achegaran ata nós aquelas cousas nas que as veces soñamos en nos convertir. Os nenos de infantil decidimos daquela agardar un pouco e nos xuntar a desfrutar xuntos da lectura e dos soños de Filiberto. O tempo foi pasando...tiñamos tantos proxectos e cousas por facer! Hoxe, por fin, deixámonos engaiolar polos compañeiros de 2º de Primaria e acompañámolos á biblioteca. Queríannos ler eles o conto... Thalía, Carla, Águeda e Lucas en representación dos seus compañeiros léronnolo  e fixérono moi, moi ben. Despois había unha pequena sorpresa preparada. Por parellas, pequechos con grandes fomos ao patio a desfrutar do solciño e ademais a debuxar as nosas sombras. Foi moi divertido...só tedes que mirar a que montamos no patio.

domingo, 7 de xuño de 2015

XOGAMOS COAS CORES 2DA PARTE

Os nenos de 3 anos seguemos a xogar coas cores. Desta volta saímos ao patio a mirar o mundo de diferentes cores cos nosos tubos máxicos. Xa que estabamos fora tamén quixemos xogar coas sombras.
 Aquí contámovolo.


martes, 2 de xuño de 2015

XOGAMOS COAS CORES

Como sabedes este curso escolar o título escollido para o proxecto documental integrado foi “As viaxes da luz”.

Na clase de 3 anos tocounos investigar sobre as cores da luz, as sombras, o arco da vella...Fixémolo dende que comezamos coa preparación do Entroido. Mesturamos distintas cores, empregamos diferentes técnicas e materiais como pinceis, rodillos, goteiros, vaporizadores...Nesta 1º parte podedes ver o resultado dos nosos experimentos e todo o proceso de elaboración.

luns, 27 de abril de 2015

UN DÍA DISTINTO.3 ANOS

Xa sabedes que o mércores pasado fomos de excursión ao centro de Saúde de Navia. Ainda que moitos de nós xa o coñeciamos houbo unha morea de novidades que descubrimos aos poucos coa axuda das nosas guías Ana, Lucía e Rosario. Velaiquí un pequeno resumo de todo o acontecido.


PADRIÑOS LECTORES

Como xa vos contamos no blogue de biblioteca o pasado martes aproveitamos un descansiños entre as chuvieiras para sair ao patio a ler, grandes e pequenos. Para moitos dos pequenos era a primeira experiencia, pero  outros -que ainda lembraban como desfrutaron o ano pasado- agardaban que chegase o día con impaciencia. Por fin chegou e, moi animados, marcharon da man dos padriños e madriñas para ser agasallados cunha morea de contos lidos con entusiasmo polos maiores do cole. 
As fotos están un pouco desordenadas, pero cun pouquiño de paciencia seguro que vos facedes unha  idea de como sucederon os feitos... 


xoves, 23 de abril de 2015

VAI DE OVOS

Dende que empezamos a traballar sobre os pingüins e dar voltas a como serán os seus ovos a clase non fai máis que se nos encher de ovos. Primeiro foron os oviños dos vermes de seda, e agora temos...UN OVO DE  DINOSAURIO?. Os mais expertos xa teñen explicado que todo o que queda dos dinosaurios son fósiles, asi que este noso ovo non pode ser de verdade. Pero..., mentras vai abrindo pouquiño a pouco seguimos a soñar...
Hoxe  o dinosaurio saiu de todo da súa casca; por fin! Ainda así, as opinións a pesar do que nos din os ollos son diversas...cousas de nenos!


UNHA INVITACIÓN MOI ESPECIAL

A semana pasada os nenos de 3 anos recibimos  unha invitación moi especial. Os nosos compañeiros de 4 anos e a súa profe Pilar propuxéronnos visitar a súa clase para ver os primeiros vermiños de seda que ían saindo dunha morea de ovos "mini"que tiñan.
Axiña aceptamos a súa invitación e alá fomos, lupa en man, a visitar os nosos veciños de 4 anos.















VIVINDO A PRIMAVERA. AS CORES DA ESTACIÓN

O noso patio é un dos mellores espacios de aprendizaxe e cando vai bo tempo nada mellor que sair fora e xogar e investigar. Eso foi o que fixemos ao chegar das vacacións aproveitando que o tempo dábanos algún respiriño. Saimos a vivir a primavera, atopamos e recordamos unha chea de cousas e cando fomos de volta para clase xogamos coa plastilina a compoñer uns preciosos traballos cheos da cores da estación.
E que non só traballamos a luz vendo como foron mudando as lámpadas ao longo do tempo, senon tamén como a luz tingue de cor todo o noso entorno.

O VERMIÑO LECTOR

Tanto nos gusta ler na aula de 4 anos que ata os vermes se contaxian desa febre lectora.  Como xa vos contarían os nenos e nenas, despois da Semana Santa chegaron á nosa aula os ovos que a finais de xuño puxeran as bolboretas dos vermes de seda que tiñamos en 3 anos. Chegaron silandeiros dende o seu retiro invernal e tan pechadiños estaban que alí semellaba non haber ninguén. Os primeiros días mirabamos curiosos coa lupa a ver se ía nacendo algún vermiño...e nada! Ata que de súpeto alguén berrou.  -ei, ollade onde está!... e, sí! aí estaba un dos primeiros vermiños! Nunha folla de moreira que lle tiñamos preparada? Nooon! O primeiro que quería facer o vermiño antes de nada era ler un bó libro.!
















mércores, 8 de abril de 2015

ARRANCAMOS O NOSO PROXECTO

Como ben sabedes,  xa hai tempo que escomezamos o noso proxecto sobre O corpo humano que, por certo, tennos moi entusiasmados.
Se lembrades, todo comezou cando á volta das vacacións de nadal os Reis Magos  agasalláronnos cun libriño sobre os 5 sentidos.
A partires de aí, todo foron preguntas, dúbidas, pescudas e gañas de saber mais e mais. Velaiqui un pequeno resumo de como botou a andar o proxecto, expondo primeiro as nosas ideas previas  e como montamos os dous recantos ( un temático e outro de xogo) gracias a todo o material aportado polas familias.

XA TEMOS 4 ANOS

Parabens a Lucía, Noa P, Clara, David, e Noa R que o pasado xoves 26 de Marzo celebraron o seu carto aniversario.
Aproveitamos esta xaneliña para agradecer ás familias destes cativos que colaboraron para que tivesemos unha merenda dificil de esquencer.

COELLIÑOS DE PASCUA

Á fin, desvelouse a sorpresa. Como poidestes comprobar os tubos de papel hixiénico eran para facer os nosos particulares coelliños de pascua. Botádelle unha ollada a súa feitura.

REMATAMOS O 2º TRIMESTRE EN TRES ANOS

Ainda que non o pareza xa rematou o 2º trimestre, que desta vez foi mais doce do cotián. O motivo podestelo atopar nas portadas dos nosos traballiños que se fixeron con xarope de chocolate, toda unha tentación.


sábado, 4 de abril de 2015

MAIS COUSAS DA PREHISTORIA

Xa contamos cando demos conta do traballo sobre prehistoria que ía ser dificil esquecernos dela. Non foi dificil, foi imposible!. Tódolos días seguiron chegando cousas ó noso recuncho a pesares de que  -como xa vos contaremos nunha próxima entrada- tivemos novas dende Mesopotamia, Exipto, Roma e a Idade Media. 
Todas esas novas tiveron que compartir espacio coas cousas da prehistoria que non deixaban de chamarnos a atención.  Algúns viviron na fin de semana días prehistóricos ao aire libre que contaron na clase con entusiamo, outros foron ao parque arqueolóxico de Campo lameiro e trouxeron fotos para ver, outros trouxeron paus que cheiraban a vello e pedras prehistóricas e un dolmen para que o mirasemos, traxes prehistóricos, peles para abrigarnos, cornos diferentes, animais prehistóricos e tantas outras cousas...e no medio de todo un compañeiro novo que se incorporou á movida coma se levara todo o curso con nós.
Daquela foi imposible tamén rematar a viaxe á historia da luz e teremos que alongalo un pouco nas primeiras semanas do novo trimestre. A prehistoria seguirá aí tamén porque ninguén quixo levar as cousas do recuncho para casa. 
Antes de marchar quixemos ter un día  especial e xa que un de nós conseguiu a cera de abella que precisabamos para as lámpadas prehistóricas (e tiñamos as lámpadas feitas dende había tempo) decidimos prendelas e experimentar canta luz daban. Tamén collemos unhas conchas mariñas como fixeron os mesopotámicos.
Fixemos un fío de algodón (fibra vexetal) que servise de mecha enrollándoo nas mans, envolvémolo cun pouco de cera de abella (ao final comprobamos que lle puxeramos moi pouca) e baixamos as persianas antes de prende-las lámpadas cun encendedor pouco prehistórico. Encantounos a experiencia e ademais comprobamos que nas covas non se miraba nadiña porque a luz era moi feble...non entendemos como foron quen de pintar esas pinturas case ás escuras.! Tamén nos chamou a atención o cheiro que quedou na clase e que tardou ben tempo en  marchar. Mesmiño así había cheirar nas covas dos homo sapiens.! As lámpadas tamén quedaron na clase porque non quixemos levalas na mochila e que chegasen rotas á casa...haberá que pensar como transportalas!. Para rematar alguen dixo que non podíamos comer a merenda se non cazabamos primeiro un mamut e...claro meu dito meu feito! collemos a lanza que nos trouxera unha compi e veña,.. a cazar.!


EXPERIMENTAMOS CO PESO NO SEGUNDO TRIMESTRE

Entre as moitas experiencias matemáticas que fixemos no segundo trimestre houbemos de facerlle un oco ás experiencias de "peso". Pasamos horas a  falar de mamuts e de que nós podemos con todo porque temos moita forza! Fíxose necesario que experimentasemos que o peso non é unha cuestión de forza individual e que podemos medilo dun xeito claro para todos. Ainda así despois de sopesar, experimentar sensorialmente o peso e medir e comparar coa balanza, algúns non se apearon do seu empeño... - Sí, pesa moito, Pilar, pero a min non me pesa nada!


xoves, 26 de marzo de 2015

TRES BOLBORETAS

Como vistes na anterior entrada, este mes tivemos un  novo encarguiño. Colorín pediunos que nos convertisemos en poetas. Esta misión serviunos aos de 3 anos para aprender que é un poema, quen é o que o escribe,  para darlle a benvida á primavera e para ilusionarnos unha vez mais coas cousiñas que facemos. Neste vídeo tedes unha pequena mostra de todo o proceso e , sobre todo, do resultado final que xa loce pendurado nunha das árbores do patio.



mércores, 25 de marzo de 2015

COLORIN POETA

Colorin -o mouchiño do mes de Marzo- invitounos hai algunhas semanas a facer poesías. Quería que lle fixeramos uns pareados para celebrar a entrada da primavera e o día da Poesía que cadra no 21 de Marzo. Coma sempre entusiasmámonos coa súa petición e puxémonos en tódalas aulas de infantil a intentar rimar palabras  e a ver que podiamos facer Hoxe por fin saimos, canda os nosos compañeiros de primaria, ao patio. Semellaba que ía menos vento e non ía chover e puidemos deixar no patio ás nosas rimas para Colorín e para todos o que quixeron lelas.

CONTACONTOS PARA TODO INFANTIL

Este trimestre foi un contacontos de fora- por cortesía da Editorial Anaya- o que aproveitamos para que forme parte da nosa actividade de animación lectora "Contamos Moito". O medo é un tema recurrente nas aulas de infantil -"nunhas" mais que noutras do que é moi importante falar e para o que hai que ir traballando diferentes estratexias tanto no cole como na casa. Augusta, a protagonista de "Augusta é os seus medos" enfréntase a eles coa valiosa axuda dos seus pais. Nós non tivemos medo no conto e desfrutamos un mundo coa posta en escea de Iago  a quen xa coñeciamos daqueloutro arrepiante conto "O home do saco" que nos contara no nadal. A semana pasada cando nos chamou para ir á biblioteca despois de que llo contase aos de primeiro,  escoitamos o conto, seguimos ás súas ordes, berramos cando nos mandaron...todo para poñernos na pel de Augusta...e abofé que o pasamos moi ben. 

luns, 9 de marzo de 2015

A VOLTAS COA PREHISTORIA

Como todos sabedes levamos un tempo traballando na prehistoria e, ainda que antes de final de trimestre  temos que chegar ata o século XXI, estamos tan emocionados cos “homo sapiens” que non damos saído desa época.
Todo comezou co noso traballo arredor da luz e cun conto “A todos los monstruos les da  miedo  la oscuridad”. Nós -como é normal- enseguidiña pensamos en Tufo e mais en Risitas cando quedan soíños na escola. A escuridade dános tanto medo que ata algún de nós chorou ao escoitar o conto e daquela entendemos moi ben por qué todos, empezando polos homes primitivos, foron dándolle voltas á cabeza ata atopar xeitos mellores de iluminarse.

Coma sempre que comezamos un proxecto pasamos moitas horas na alfombra pensando no tema, mirando documentais, libros, películas e tódalas cousas coas que cada quen foi enchendo o recuncho de prehistoria que montamos grazas á vosa  axuda. Temos de todo...   unha boneca prehistórica e un mono para ver as diferencias entre eles, varias ferramentas prehistóricas case auténticas, figuriñas prehistóricas, animais, un dente de tiburón, debuxos, lume,... Falamos e falamos de todo o que lles preocupaba aos prehistóricos, de cómo evolucionaron e das solucións que foron argallando. Traballamos un mundo de palabras e imaxes relacionadas co tema, intentamos aprender un rap prehistórico … ata que un bó día decidimos SERMOS UNS PREHISTÓRÍCOS!!.
Daquela aprendemos a facer lume (na teoría) e a transportalo nun pau; a vestirnos coma eles (xa nos mirastes no Entroido); fixemos colares prehistóricos de pedras e colmillos para nos adornar; convertemos a entrada da nosa aula nunha cova con pinturas rupestres igualiñas cas que miramos nos documentais.(Coma sempre queriamos que toda a aula fose unha cova pero non nos caben mais trastos) 
Polas mañás xuntámonos arredor dunha tea mentres non hai luz solar suficiente e  tamen temos aprendido unha maneira de non afumar a cova e poder transportar o lume  mais cara o interior coas lámpadas de tuétano ou cera de abella que estamos a fabricar. Falando de tuétano, un de nós despois dunha xornada de caza conseguiu traer un óso impresionante, disque de xabaril prehistórico. Como desfrutamos tocandoo e observándoo!. Sabiamos que o tuétano estaba dentro pero,… quen ía ser quen de partilo coas nosas ferramentas primitivas!

Tufo  quixo axudarnos nas nosas pescudas e marchou primeiro á prehistoria e dende alá vai mandándonos mensaxes que recibimos e “lemos” (intentámolo) con entusiasmo. Agora mesmo está no Antiguo Exipto, pero ainda non temos novas del. Mágoa que esta tempada  hai moitos que se puxeron maliños e están perdendo algunhas destas experiencias.

Agora estamos poñendo rumbo á outras culturas da antiguidade porque como vos contamos a viaxe ten que continuar (e rematar ao fin destas tres semanas vindeiras) e o noso interese é a luz e como o seu uso foi axudando a “monstros” e non tan monstros ao longo da historia da humanidade. Pero non perdades coidado a palabra prehistoria ainda vai soar durante moito tempo nas nosas bocas; ao mesmiño que os monstros que non se dan marchado da nosa aula e do noso traballo.

luns, 23 de febreiro de 2015

VENRES DE ENTROIDO!!

Despois de varios días de traballo e de pintar arreo os nosos arcos da vella, tema escollido para seguir co noso proxecto interdisciplinar de centro chegou o día de lucilos diante das nosas familias.
Coidamos que o noso esforzo pagou a pena xa que estabamos ben contentos co resultado e foron moitas as felicitacións que recibimos.

Aquí tedes unha pequena mostra do proceso e do resultado final.

domingo, 22 de febreiro de 2015

LUCERÍN MANDA EN TRES ANOS

Os  días previos ao venres de entroido foron días de moita troula. Tivemos que seguir ao pe da letra as ordes de Lucerín, o  MECO encargado de anunciar que o entroido estaba moi próximo. So tedes que ver os nosos complementos para saber que cousa tiñamos que levar cada día da semana. Se as fotos non vos axudan moito imos botarvos unha man:

O LUNS………….  UN SOL
O MARTES…….. ..UN CHALECO OU UN BRAZALETE REFLECTANTE
O MÉRCORES….. .UNHAS GAFAS DE SOL
O XOVES……….   UNHA LANTERNA

luns, 16 de febreiro de 2015

CHEGAMOS O ENTROIDO POLOS PELOS

Despois de tanto traballo a piques estivemos de non podervos amosar e desfrutar convosco de todo o que fixeramos, pero... a pesar dos elementos fomos valentes e asomámonos ao patio cuberto para que poiderades ver os nosos desfraces. Para os que non puidestes acompañarnos ou non mirabades ben  aquí vos deixamos as fotos dos nenos de infantil. Desculpade se a algún cativiño non se lle mira ben. Que dificil era moverse entre tanto trouleiro! As fotos de todo o cole están xa no blogue de biblioteca

LEMBRANDO O DÍA DA PAZ EN TRES ANOS

Cando se estaba a achegar o día da Paz, COPO, o mouchiño de Xaneiro, contounos que un dos seus amigos coñece moitas escolas en América do Sur que non teñen luz. Daquela, ocorréuselle deixarnos un brazo xigante para decoralo libremente e escribir nel unha frase relacionada coa campaña “Luces para aprender” (un programa que pretende axudar a todas esas escolas distintas á nosa). O resultado final está exposto no mural da entrada que fixemos entre todos.

Ademáis o día 30 de Xaneiro, o día da Paz, todos inchamos globos e nós metémoslle dentro un corazón ou un bico. Despois intercambiamos ós nosos globos cos compañeiros do cole, cousa que nos fixo moita ilusión.

xoves, 12 de febreiro de 2015

LUCERÍN

Lucerín -o noso meco de Entroido-  quedou moi contento coa resposta dos nenos e nenas de infantil á Semana da Troula. Mentres agardaban  nerviosos á estrea dos traxes no desfile de mañá,  ollade que ben luciron tódolos mandados que trouxeron durante esta semana. Como estamos traballando o tema da luz quixemos facer fotos tamén con luz e sen luz a ver que acontecía!. Éste é o resultado. O que é seguro é que estes días con tanta luz nas aulas os monstros que se agochan na aula de 4  non tiveron nadiña de medo.


xoves, 5 de febreiro de 2015

PERO,... QUE FRÍO!

Con esta "ola" de frío que nos visita o único que  apetece é encher os nosos corredores con cousiñas propias do inverno. Mirade que ben se nos da a decoración.!


FROITA NA ESCOLA EN 3 ANOS

Hai algúns días os nenos e nenas de 3 anos participamos no proxecto "Froita na escola" patrocinado pola Xunta de Galicia. Tratábase de fomentar o consumo de froita e comida saudable.
Ao longo do toda a semana aproveitamos para comer peras, tanxarinas, mazás, laranxas, plátanos..., tanto nos gustou á experiencia que alongamos o consumo de froita durante algúns días mais. Asi que xa sabedes, a comer froita a miúdo!


mércores, 14 de xaneiro de 2015

AGASALLOS DE NADAL. 3 ANOS

Na nosa clase tamén houbo agasallos!
Ao chegar das nosas vacacións atopamos na clase dous paquetiños que nos deixaron os Reis Magos. Todos queriamos saber de que se trataba. Daquela, comezamos a movelos, a tocalos, a ulilos, a escoitalos para intentar averiguar que había dentro.
A sorpresa desvelouse cando lles quitamos o papel. Eran... un xogo de construcción  e mais un libro sobre o corpo humano!; pero...por que un libro que fala do noso corpo? Que nos intentarán dicir estes Reis? Enseguidiña  contarémovolo.