luns, 9 de marzo de 2015

A VOLTAS COA PREHISTORIA

Como todos sabedes levamos un tempo traballando na prehistoria e, ainda que antes de final de trimestre  temos que chegar ata o século XXI, estamos tan emocionados cos “homo sapiens” que non damos saído desa época.
Todo comezou co noso traballo arredor da luz e cun conto “A todos los monstruos les da  miedo  la oscuridad”. Nós -como é normal- enseguidiña pensamos en Tufo e mais en Risitas cando quedan soíños na escola. A escuridade dános tanto medo que ata algún de nós chorou ao escoitar o conto e daquela entendemos moi ben por qué todos, empezando polos homes primitivos, foron dándolle voltas á cabeza ata atopar xeitos mellores de iluminarse.

Coma sempre que comezamos un proxecto pasamos moitas horas na alfombra pensando no tema, mirando documentais, libros, películas e tódalas cousas coas que cada quen foi enchendo o recuncho de prehistoria que montamos grazas á vosa  axuda. Temos de todo...   unha boneca prehistórica e un mono para ver as diferencias entre eles, varias ferramentas prehistóricas case auténticas, figuriñas prehistóricas, animais, un dente de tiburón, debuxos, lume,... Falamos e falamos de todo o que lles preocupaba aos prehistóricos, de cómo evolucionaron e das solucións que foron argallando. Traballamos un mundo de palabras e imaxes relacionadas co tema, intentamos aprender un rap prehistórico … ata que un bó día decidimos SERMOS UNS PREHISTÓRÍCOS!!.
Daquela aprendemos a facer lume (na teoría) e a transportalo nun pau; a vestirnos coma eles (xa nos mirastes no Entroido); fixemos colares prehistóricos de pedras e colmillos para nos adornar; convertemos a entrada da nosa aula nunha cova con pinturas rupestres igualiñas cas que miramos nos documentais.(Coma sempre queriamos que toda a aula fose unha cova pero non nos caben mais trastos) 
Polas mañás xuntámonos arredor dunha tea mentres non hai luz solar suficiente e  tamen temos aprendido unha maneira de non afumar a cova e poder transportar o lume  mais cara o interior coas lámpadas de tuétano ou cera de abella que estamos a fabricar. Falando de tuétano, un de nós despois dunha xornada de caza conseguiu traer un óso impresionante, disque de xabaril prehistórico. Como desfrutamos tocandoo e observándoo!. Sabiamos que o tuétano estaba dentro pero,… quen ía ser quen de partilo coas nosas ferramentas primitivas!

Tufo  quixo axudarnos nas nosas pescudas e marchou primeiro á prehistoria e dende alá vai mandándonos mensaxes que recibimos e “lemos” (intentámolo) con entusiasmo. Agora mesmo está no Antiguo Exipto, pero ainda non temos novas del. Mágoa que esta tempada  hai moitos que se puxeron maliños e están perdendo algunhas destas experiencias.

Agora estamos poñendo rumbo á outras culturas da antiguidade porque como vos contamos a viaxe ten que continuar (e rematar ao fin destas tres semanas vindeiras) e o noso interese é a luz e como o seu uso foi axudando a “monstros” e non tan monstros ao longo da historia da humanidade. Pero non perdades coidado a palabra prehistoria ainda vai soar durante moito tempo nas nosas bocas; ao mesmiño que os monstros que non se dan marchado da nosa aula e do noso traballo.

2 comentarios:

  1. Uns investigadores natos! Qué boa dinámica para aprender, vense supermotivados!!! :-)

    ResponderEliminar
  2. ¡Da gusto ver a ilusión e a curiosidade coa que comezan cada proxecto! ¡Felicidades!

    ResponderEliminar