mércores, 26 de decembro de 2018

NADAL NA AULA DE 3 ANOS

Case sen nos decatar chegou o día de coñecer ao paxe real, pero antes traballamos moito a importancia da carta, aprendemos como escribila e pedimos agasallos.Tal como nos pediron os mouchiños da biblio, participamos con moito entusiasmo no mural colaborativo de aulas e familias, pensando que podiamos pedir para o cole e aportando o noso monigote familiar. Tamén algunhas familias da nosa aula foron as primeiras en participar na petición dos mouchiños para coñecernos uns a outros. Os carteis xa están na escaleira central do cole e pendurados no noso blog de biblioteca. Mentres pasaban os días seguemos a xogar, ler, cantar e facer algúns traballiños de nadal para ir desenvolvendo as nosas habilidades. Tamén coñecemos a Mimi, unha xirafa que se converteu nunha nova amiga, e a Aquiles o protagonista do conto que nos está axudando a avanzar no esquema corporal. Coñecer a Pelucas, o artista que traballou no muro do patio cuberto, foi toda unha experiencia para nós que nunca viviramos a arte en directo e de primeira man.




-ALGUNHAS ACTIVIDADES. Escribimos a carta para o cole, recibimos carta de pato, coñecemos a Mimi, coñecemos a Pelucas, coñecemos a uns músicos e os instrumentos, compartimos manualidades cos amigos de 5 anos, escribimos a nosa carta para os Reis Magos.


actividadesdec

-VISITA DOS REIS MAGOS

SEGUIMOS CO TRIMESTRE EN 3 ANOS. NOVEMBRO

Ao longo deste mes seguimos a traballar o noso proxecto de médicos e as rutinas que estamos a aprender. O magosto e as actividades arredor do día da non violencia contra a muller tinxiron moita da nosa actividade.

-A AULA EN NOVEMBRO. Preparamos o magosto, Conto botón botón,
Conto crocodilo namorado, compartindo lecturas cos amigos de 5 anos, Mural das mans contra a violencia.


-XOGOS COMPARTIDOS CON 5º A E MAGOSTO



PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DE 3 ANOS. SETEMBRO E OUTUBRO

Este parón no Nadal vainos servir para tomarmos un descanso e tamén para organizar todo o que vivimos neste intenso trimestre. Aínda que un pouco maratoniana déixovos nesta entrada varios momentos da nosa primeira estadía no cole. En sucesivas entradas poremos o que seguiu despois.
Son fotos de pequenos momentos ou actividades especiais onde puidemos coller a camara e desfrutar co facer dos nenos e nenas. Hai momentos máxicos e imprevistos que non saen nas fotos; imposible parar o tempo e volver atrás, pero seguro que teñen deixado unha pequeniña pegada na súa aprendizaxe que agromará nalgún intriño do seu desenvolvemento.
O que é certo é que este trimestre ten sido un momento de coñecernos todos, de coñecer algunhas cousiñas e rutinas do cole, de coñecer a personaxes máxicos que se agochan nalgúns recunchiños, de achegarnos ás primeiras experiencias de aprendizaxe escolar, de gozar coas lecturas e coa iniciación á investigación, de compartir xogos e vivencias...e este é un obxectivo cumprido. Grazas a todos.


-ADAPTACIÓN E INICIO DE ACTIVIDADES. OUTUBRO


adaptaciónealgomais

- O NOSO SAMAÍN. 2ª QUINCENA OUTUBRO (Samaín, participación nas actividades de centro, obradoiro de medo compartido cos amigos de 4 e 5, coñecemos a casa de Brunilda: o túnel do medo)


-BALEIRANDO CABAZAS


-LECTURAS DE MEDO COMPARTIDAS COS NOSOS AMIGOS DE 5ºA


-PROXECTO MÉDICOS. Todo o trimestre. Onde foi pato. Qué é un hospital.Aprendemos algunhas cousiñas do noso corpo e como ser bós médicos. Contos relacionados.

xoves, 20 de decembro de 2018

BOAS FESTAS

Os peixiños de catro anos e a profe Charo queremos desexarvos un  BO NADAL e un aninovo cheo de saúde, paz e boas novas.

Un bico moi grande.

Vémonos a volta das vacacións. 

BOTES DA CALMA

Xa hai algúns días, e despois de comprobar que á volta do recreo estamos moi excitados e tardamos moito en conseguir un ambiente tranquilo e relaxado, decidimos reciclar unhas botellas de auga para convertelas en botes da calma.
Son botes que estan cheíños de purpurina, abalorios e cousiñas diminutas que flotan simplemente con axitalas.
Disfrutamos moito observando a caida do brillo e o movemento de todo o que hai dentro das botellas e, aínda que custa, conseguimos tranquilizarnos despois dunha rabieta, dun enfado, dun momento de lecer....



luns, 3 de decembro de 2018

E CHEGOU O MAGOSTO

Como ben dixo unha mami, os peixiños non paramos de andar de festa. Desta vez tocoulle ao magosto, cunha xornada de xogos compartidos e unha boa paparota de castañas asadas. 
Mirade como acabamos!!! 

ULIMOS, TOCAMOS, DESCUBRIMOS...VIVIMOS O OUTONO

Este outono está dando moito de si porque, dende que entrou aló polo 21 de setembro, non paramos de facer cousas como...:
Un mural no corredor con fotos que agochan unha chea de historias, de actividades coa familia e os amigos, do contacto coa natureza e de novos descubrimentos.  Manipulación de cousiñas relacionadas con esta estación (ourizos, landras, castañas, cogumelos...) e que nos sirven para clasificar, para ulir, para falar do seu tacto, da súa cor ...
Recoller follas no campo que temos detrás do cole para despois secalas, decoralas e facer unha coroa de indios bravos. Vestirnos con roupa de outono elixindo o noso propio "look" e , por último, pero non menos importante, montar o noso bosque particular: Un bosque con follas dos montes que nos rodean. 

xoves, 29 de novembro de 2018

SAMAIN II

Na entrada anterior puidestes ve-los preparativos do día de Samaín. Agora toca ver que ben o pasamos o propio día.


martes, 20 de novembro de 2018

UUUUUUUUUU.....QUE MEDIÑO!!!

A semana previa ó Samaín estivo chea de preparativos: decoración de portas e corredores,  exposición de cabazas, conversas sobre os nosos medos, feitura de pantasmas e arañas coas nosas mans...
Uns preparativos que nos tiveron moi atarefados, pero sobre todo entusiasmados para celebrar esta festa tan terrorífica como ben se merece.
O propio día 31 tivemos a sorte de participar cos nosos compis de infantil nos diferentes obradoiros que as profes tiñan preparados para nós, de facer un desfile cos nosos disfraces, de bailar sen parar... pero, sobre todo, de gozar de todo o que ía acontecendo. 



xoves, 25 de outubro de 2018

NOVIDADES NA CLASE DOS PEIXIÑOS

Ben seguro que pensabades que na clase dos peixiños estabamos de brazos cruzados. Pois non, traballamos a reo mentres nos afacemos ás novidades que este curso temos na aula.  
Novidades relacionadas co funcionamento dos recantos, dos encargados e do patio.
No referido aos recantos, dicirvos que cada día da semana temos que visitar un recuncho, pero non pode ser sempre o mesmo, de tal xeito que ao longo da semana temos que pasar polos cinco recantos establecidos. O principio foi un pouco lioso, e para algúns aínda o segue sendo , pero coa axuda da profe Charo e do panel imos conseguindo superar este novo reto.
Ademáis este ano estreamos o contador de letras, un panel no que o responsable do día ten que escribir unha palabra longuísima (relacionada coa estación do ano, co proxecto que esteamos a traballar, con algo acontecido na fin de semana, có Samaín...)
Para rematar, dicirvos que no patio temos material e xogos novos cos que disfrutamos un mundo, pero tamén unha nova responsabilidade: o encargado do día debe regar as plantiñas  que con tanto gusto plantamos o curso pasado.
Como vedes algúns cambios que imos asimilando pouco a pouco e que nos encantan.

luns, 2 de xullo de 2018

A SORPRESA DE 4º A

Os nenos e nenas de 4º A pasaron todo o curso traballando sobre as mascotas, aprendendo a coidalas e respectalas e pescudando os refuxios de Vigo  nos que se traballa para darlles as mellores oportunidades.
Como remate deste proxecto pasaron por varias aulas, entre elas as de 3 e 5 anos amosándonos un video feito por eles mesmos e ensinándonos a facer unha mascota de papiroflexia que despois todos puidemos decorar ao noso xeito. Ainda non temos as fotos de 3 anos pero mentres ide mirando as da clase de 5. 

venres, 29 de xuño de 2018

DE EXCURSIÓN AO CENTRO HÍPICO LA MURALLA

O 19 de xuño visitamos o centro hípico de Redondela "La Muralla". A verdade é que foi unha visita moi, moi proveitosa, non só por todo o que aprenderon os meus peixiños, senón tamén polo trato e o cariño recibidos.
Mergulláronse un pouquiño no mundo dos cabalos e experimentaron sensacións, ata agora, descoñecidas para eles.  Botádelle unha ollada a este vídeo e comprobade o que vos digo.



Aproveito para despedirme e desexarvos un bo verán. Desfrutade dos vosos peixiños, xa tamén algo meus, e volvede coas pilas ben cargadas para afrontar novas experiencias o curso que ben.
Grazas por todo e miles de bicos.

CUMPLES TERCEIRO TRIMESTRE

Aínda que os meus peixiños xa gozan dun merecido descanso, eu sigo polo cole traballando e publicando nesta xaneliña todo o acontecido nos derradeiros días de clase.
Non podían faltar os aniversarios de Silvia, Teo, Javi, Sienna, Eva C y Eva E.
Parabéns a todos.

 

venres, 22 de xuño de 2018

TEO E DENA PECHAN O NOSO PROXECTO

De certo que algunha vez escoitáchedes na vosa casa o nome de Dena. É que Teo non para de falarlle ós peixiños da súa querida mascota... Dena morde, coidado con Dena, como te pille Dena!!
Daquela a súa familia non podía vir o cole sen esta cadela  xa tan nosa.
Alberto, o papá de Teo, falounos dunha morea de cousas:  de cómo  escomezou a historia desta mascota, da súa raza, dos coidados que precisa, do tempo que ten, do seu adestrador...e nós fomos facéndolle preguntas á vez que desexabamos paseala, tocala e agarimala .
Mirade que imaxes más tenras e simpáticas.

Aproveito para dar ás grazas a Alberto e a tódalas familias que fixeron posible este proxecto tan marabilloso e enriquecedor. Grazas pola vosa creatividade, pola vosa disposición e polo voso tempo. Formar parte deste equipo é un privilexio e unha sorte.

 

DESTA VEZ CONVERTÍMONOS EN BICHIÑOS!!!!

Xa quedou atrás o festival de fin de curso, pero non o meu orgullo por estes peixiños que traballaron a reo para sorprender ás súas familias. Grazas a tod@s pola vosa colaboración á hora de caracterizalos, pero sobre todo grazas a María que, voluntariamente,  ofreceuse a maquillar a  formigas, saltóns, miñocas....e a deixalos a todos, obxectivo difícil,  aínda máis guapos.

mércores, 20 de xuño de 2018

E TAMÉN TEATRO

A terceira das nosas especiais citas tivo lugar o martes no ximnasio. Alí puidemos desfrutar de dúas obras de teatro. "A festa no faiado" da escritora homenaxeada nas nosas Letras Galegas, representada polos nenos de 2º de Primaria e teatro a cargo dos nenos e nenas de 4ºA. A pesares da calor e de que fixeron as dúas obras seguidas, aguantamos con entusiasmo e aplaudimos a rabear. Bravo polos nosos compañeiros.!

AGORA UNHA DE KAMISHIBAI

Outra das actividades especiais que nos tiñan preparados os nosos compañeiros das aulas dos maiores foi unha representación de contos en Kamishibai. Durante todo o curso rolou polas aulas un libro viaxeiro A volta so mundo en 80 contos en homenaxe a Xulio Verne no seu ano. Tamén pasou polas aulas de infantil co encargo de escoller un conto e contalo á nosa maneira. Como somos pequenos non nos atrevemos, pero sí que  o fixeron os maiores de 2º e 3º.
Este luns invitáronnos á biblioteca a desfrutar da súa representación. Un conto de Nova Zelanda e outro de Holanda. Fomos, escoitamos, aplaudimos e conseguimos que nos desen un fermoso agasallo...un muiño holandes.
Véde as fotos.

COMEZAMOS A DESPEDIDA XOGANDO COA AUGA

Esta derradeira semana de curso quixemos que fose moi especial. Porén preparamos una chea de actividades para os nenos e nenas de todo o ciclo nas que puidesen vivir cousas especiais e nós con eles.
A primeira destas actividades foi facer un circuito de  xogos con auga. No noso maravilloso patio  traseiro dispuxemos todo o necesario e saímos desfrutar do día. Algúns non dubidamos en poñer o bañador coma se dunha xornada na praia se tratase. Foi estupendo e gozamos un mundo pequenos e maiores.  Deixámosvos as fotos aquí.

domingo, 17 de xuño de 2018

OS CESPINES DA FAMILIA PRIETO

Coa visita dos papis de Brais entramos na recta final do noso proxecto. O seu obradoiro  permitiunos ser xardineiros por un tempiño, algo moi sinxelo e que podemos facer calquera día na nosa casa. Só temos que  contar cunha media, un vasiño de iogur, un pouquiño de terra e, por suposto, unhas sementes.
Isabel e Raúl ensináronnos moi ben tódolos pasos e pedíronnos que estivésemos moi atentos para ver a evolución dos nosos cespines. Fixémolo así; tódalas mañás mirabamos os nosos vasiños para comprobar se os nosos cespines experimentaran algún cambio.

SILVIA COMO PROTAGONISTA

Xa hai algúns días recibimos a visita da mamá de Silvia que nos contou unha morea de cousas interesantes. Falounos do seu traballo nun centro de día, onde moitas persoas maiores precisan axuda para desplazarse empregando, por exemplo bastóns, cadeiras de rodas, muletas ou andadores.
Despois de probar todos estes apoios, tivemos a sorte de escoitar un conto precioso (TE QUIERO CASI SIEMPRE), que enlazaba moi ben co que estiveramos falando antes:
a importancia de respectar ós demáis, sexan como sexan.
Por último, Silvia convidounos a facer uns parrulos moi simpáticos que chamaron a atención de todos os que visitaron a nosa clase.

Grazas, Silvia, por esta visita tan completa.

REPOSTEIROS POR UN DÍA!!!

Grazas a Yolanda, a mamá de Javi, convertémonos en auténticos reposteiros. A súa proposta, moi doce, por certo, foi todo un reto, pero grazas a súa axuda e o seu traballo previo todo resultou moito máis doado.
O reto consistiu en facer 15 tartas da avoa. Sí, sí...quince, unha para cada un de nós.
A verdade é que seguimos con moita atención as indicacións de Yolanda, aínda que, ás veces, non fomos quen de deixar de meter o dedo no chocolate e lamber sen parar.
Non temos palabras para agradecer o traballo desta "mami" por implicarse deste xeito e por facernos un pouquiño máis lambóns.

mércores, 30 de maio de 2018

APRENDEMOS XOGANDO

Ben sabedes da importancia do xogo na etapa infantil. Por eso, nós aproveitamos calquera anaquiño para xogar e ir evolucionando nas nosas aprendizaxes.  

FACEMOS PAPEL RECICLADO

Os peixiños temos moita sorte, ou eso dí a nosa profe Charo, porque recibimos moitas sorpresas que, para nós, son  auténticas experiencias.
Desta vez a sorpresa chegou da man dos alumnos de 5º de E. P capitaneados pola súa titora, a profe Gladys, que nos propuxeron facer papel reciclado.
Despois de seguir as instruccións que os nosos compañeiros maiores nos ían dicindo (romper papel en moitos anaquiños, triturálos, coalos, prensalos...) non podiamos crer que o resultado fose este :

UN NOVO PAPEL NO QUE PODIAMOS ESCRIBIR!!!


IMOS DE PÍCNIC !!!

Ata hai só uns días tivemos un tempo moi, moi primaveral e  aproveitámolo como se merece. 
Xa sabedes que somos uns grandes afortunados e uns verdadeiros privilexiados ao gozar dun entorno case idílico. Daquela aproveitamos o tempiño da merenda para montar un pícnic adquirindo sempre novas aprendizaxes.


 

venres, 25 de maio de 2018

A SEMANA DE SIENNA II

Como ben sabedes a semana do protagonista remata coa visita dun familiar.
Desta vez tivemos o pracer de estar cos papás de Sienna, Felix e María, que nos sorprenderon moitísimo cando nos invitaron a facer unhas carautas de coelliños.
Carautas que completamos cunha maquillaxe espectacular e que nos permitiron saltar, falar e xesticular como auténticos coellos.
Grazas familia polo tempo adicado!!!

A SEMANA DE SIENNA I

Gracias á semana do protagonista podemos coñecer un pouquiño máis aos nosos compañeiros. Desta vez, con Sienna descubrimos que lle encanta disfrazarse, que a súa comida favorita é a tortilla de patacas con chourizo,  que unha das súas cores preferidas é o rosa fucsia...

ATA LOGO PROFE SONIA

Xa hai uns días despedimos a nosa profe Sonia. Dicimos nosa porque lle temos tanto cariño que xa ocupa un espacio nos nosos pequenos corazóns.
Non foi unha despedida definitiva, senón unha parada para descansar e coidar, quizabes,  dun futuro peixiño. 
Grazas por todo o aprendido ao longo deste curso, polo teu cariño, paciencia e respeto.
Un bico moi grande dende a clase dos peixiños.



SAÍDA AO TEATRO. ANTÓN COMODÓN

Uns días despois de ir ao Gadis fomos ao teatro a ver o espectáculo de monicreques "Antón comodón" da compañía 
L´Estaquirot Teatre. A verdade, gustounos moito, non soamente pola historia senon polos monicreques, a escenografía, a música e a iluminación. Todo moi coidado e de moita calidade. Un pracer poder desfrutar deste tipo de espectáculos todos xuntos. 

OS PEIXIÑOS IMOS FACE-LA COMPRA

O pasado 3 de maio visitamos o supermercado (Gadis) non só para facer unha boa compra, senón tamén para aprender, entre outras cousas, a importancia dunha alimentación saudable.
Mirade que paseiño tan interesante fixemos polas distintas seccións.

domingo, 6 de maio de 2018

OS PARRULIÑOS DE EVA EIJO

A verdade é que este proxecto non deixa de sorprendernos, por moitos motivos, pero sobre todo pola gran cantidade de experiencias positivas e enriquecedoras que as familias poñedes á nosa disposición.
Desta vez estivo con nós Verónica, a mami de Eva Eijo, que trasladou  o contido do conto "O PARRULIÑO FEO" á realidade.

Non deixedes  de mirar as nosas caras de asombro, as nosas expresións, a nosa ledicia...

GRACIAS FAMILIA POR ESTA SORPRESA!!!

martes, 17 de abril de 2018

EVA CARIDE COMO PROTAGONISTA II

E por fin chegou o gran día!!!
O día en que Eva Caride veu acompañada polos seus "papás". Uns papis que trouxeron un maletín cheo de sorpresas para xogar ós médicos e transformar a nosa clase nun pequeno hospital.
Gracias por todo familia. Para nós foi un auténtico pracer.

EVA CARIDE COMO PROTAGONISTA DA SEMANA I

Aínda que imos con algo de retraso, tentamos amosar ós pouquiños todo o que fomos facendo na clase.
Nesta ocasión a protagonista da semana foi Eva Caride, que contou con moito detalle unha morea de cousas sobre a súa familia e amosou tamén, con moito xeito, as cousiñas que traía na mochila.
Ollade como nos gusta escoitar á nosa compañeira.

xoves, 5 de abril de 2018

PLANTANDO COR

Aínda que non o pareza xa estamos na primavera. Daquela,  e coa axuda da nosa conserxe Sol, decidimos darlle un pouquiño de cor ao noso patio.

ONDE ESTÁN OS OVOS DE PASCUA?

Nunha das últimas clases de inglés, a Teacher Alba sorprendeunos cun xogo de pistas, por suposto en inglés,  que tiña un final moi, moi doce.
Propúxonos unha misión: atopar ovos de chocolate que estaban agochados en distintos lugares do cole.
Buscamos, remexemos, preguntamos aos nosos compañeiros e , sobre todo, emocionámonos moitísimo cada vez que  metiamos un novo ovo na cesta.

ANIVERSARIOS DO 2º TRIMESTRE NA CLASE DOS PEIXIÑOS

Como nos gusta isto de cumplir anos !!!

Claudia e Antía contaban  os días para soprar as candeas e compartir cos seus compañeiros un apetitoso anaquiño de tarta.
Só tedes que ver as nosas caras para comprobar que ben o pasamos.

SEMANA DA PRENSA NA CLASE DOS PEIXIÑOS

A semana da prensa deunos para traballar e falar dunha morea de cousas. Algúns descubrimos que é un xornal, para que serve, onde podemos mercalo, que hai dentro...serviunos para falar da importancia de ler, para aprender a manexar as súas páxinas,  para localizar moitas das letras que xa coñecemos ... e, por suposto, para reutilizalo cando xa está moi usado.
Despois de esta interesante investigación, puxémonos mans á obra e decidimos facer o noso propio artigo de prensa. Un artigo adicado a Pilar Alonso, artista viguesa.
Ollade o resultado e non deixedes de opinar.

sábado, 17 de marzo de 2018

5º OBRADOIRO: A VISTA

Con esta sesión, chegamos ao remate dos obradoiros dos sentidos e non podíamos finalizar sen xogar coa vista.
Nesta sesión  puidemos ver cómo era un ollo por dentro, fixemos xogos nos que só empregamos a vista (recoñecendo formas xeométricas, cores, cantidades...) descubrimos, coa axuda da maxia e cos ollos pechados, que figura desaparecera.
Tamén descubrimos que os ollos ás veces engánanse un pouco cando lles presentamos  ilusións ópticas.
Xa, para rematar, tivemos unha sorpresa na que era fundamental estar ás  escuras, porque a profe Sonia sorprendeunos  cunha caixa de luz. Unha caixa e uns aros de cores cos que xogamos a facer letras, formas, números, nomes, debuxos...
Como vistes desfrutamos un montón!


4º OBRADOIRO: MANIPULACIÓN E EXPLORACIÓN: OLFATO

Desta volta para xogar co olfacto, Sonia trouxounos unha chea de botes brancos c uns buratiños por riba que non nos deixaban ver o que había dentro. Así que, soamente podíamos empregar o nariz para descubrir que podía haber dentro, que botes cheiraban igual e cales non. Tamén intentamos colocalos na foto correpondente. Aínda que esto era un pouco difícil hai que dicir que, entre todos, fixémolo fenomenal!!! 
Ollade, ollade!!!

mércores, 7 de marzo de 2018

3º OBRADOIRO MANIPULACIÓN E XPLORACIÓN: O GUSTO

A sesión deste obradoiro centrámola no gusto, mmmmm... que delicia esto de probar!!
Fixemos xogos moi divertidos tapando os ollos para centrarnos soamente no sabor do que nos daba a profe Sonia.   Aprendemos que algúns alimentos poden ser doces, salgados, amargos, acedos... Uns gustábannos máis ca outros e nun primeiro momento algún de nós non era moi partidario de probar cousas que non vía ou que non estaba afeito a comer. Ao final a fame apretaba e.... non quedou outra que probar. 

2º OBRADOIRO MANIPULACIÓN E EXPLORACIÓN: O OÍDO

Cada semana os peixiños  aprendemos moitas cousas no obradoiro dos sentidos. Nesta segunda sesión podedes ver cómo traballamos o sentido do oido. Primeiro, coa axuda da profe Sonia, ollamos unhas imaxes  que explicaban como é un oído por dentro e despois xogamos con diferentes animais. Identificámolos, reproducimos o seu son e, por último, xogamos a facerlles compañía porque estaban moi sós. Así que decidimos correr onda o animal que nos chamaba pondo a traballar a nosa agudeza auditiva.
Foi moi divertido e fixémolo fenomenal!!!


mércores, 28 de febreiro de 2018

DESTA VEZ TOCOULLE A ANTÍA SER A PROTAGONISTA

Desta vez foi a mamá de Antía, Mar, a que estivo un tempiño  facendo con nósu unhas pulseiras moi chamativas e modernas. De feito, aínda locen nos pulsos de moitos peixiños.
Botádelle unha ollada o video e xa me contaredes que vos parecen. 

luns, 26 de febreiro de 2018

E CHEGOU O DÍA DE ENTROIDO!!!!

Na semana da troula o noso Meco Camilus deu as ordes precisas para ir compondo un disfraz de capitán, pero claro non podía ser outro que o capitán Nemo. Despois de ter o traxe ben completiño xa estábamos preparados para mergullarnos no fondo do mar cos nosos traxes de augamares. Uns traxes que luciron ben bonitos grazas a axuda das familias e das profes Marta e Sonia.

OBRADOIROS DE ENTROIDO

Como parte da nosa preparación para o Entroido, os compañeiros de todo o ciclo puidemos desfrutar o día anterior á festa duns obradoiros de entroido moi especiais. Por quendas e mesturados- como nos gusta, para poder compartir estas boas experiencias cos compañeiros grandes e pequenos- fomos pasando polas  tres aulas de infantil  onde nos esperaban as profes con cadansúa proposta para nós. Unhas moi festivas coma os obradoiros de carautas e maquillaxe e outras máis literarias, pero non menos máxicas. Neste último caso agardábanos unha lectura moi especial...a do conto de "20000 leguas de viaxe submarina". É que non podiamos mergullarnos na festa de entroido sen coñecer como Xulio Verne fixo chegar ata o noso fondo mariño ó Capitán Nemo e mailo Nautilus. Foron coma sempre unhas sesións cheas de goce e aventuras compartidas. Xa estamos agardando con impaciencia ás que de seguro están por vir.



domingo, 18 de febreiro de 2018

OS PEIXIÑOS SOMOS UNS LARPEIROS

Facer antefaces, maquillarse, bailar e troulear está xenial, pero dá unha fame... e aproveitando que no Entroido temos doces ben ricos pois...que tal se facemos unhas filloas? 
O primeiro día a masa, coa axuda da profe Sonia, e o día seguinte papalas.
As imaxes falan por si mesmas, porque como dícia Teo " non están ricas, están riquísimas"

SEMANA DE TROULA NA CLASE DE TRES: CARAUTAS E ANTEFACES

Os días anteriores ó venres de entroido preparámonos ben levando cada día para casa algo relacionado con esta temática: unha carauta, un anteface, un complemento, unha maquillaxe...
Supoño que lembrades o resultado, pero se queredes ver o proceso aqui tedes unha pequena mostra. 

A SEMANA DE CLAUDIA COMO PROTAGONISTA

O  segundo trimestre inaugurouno Claudia como protagonista da semana, completando este privilexio coa visita da súa mami (Beatriz). Desta vez tocounos aprender unha canción en francés acompañada de xestos.
Aínda que resulte incrible, como Bea dixo,  ela tamén foi nena e aprendeu a mesma canción neste cole no que aprendemos milleiros de cousas diarias.

martes, 13 de febreiro de 2018

NON É TARDE, CANDO O GOCE É BO...

Non podemos pasar máis tempo sen vos contar gráficamente algúns dos acontementos que marcaron o noso paso polas aulas de infantil no primeiro trimestre. Supomos que os nenos e nenas xa darían naquel intre boa conta das súas andainas, pero non está de máis que os vexades aquí en faena con tódolos seus compañeiros e moitas de nós, as súas profes.
Daquela imos meter nesta entrada algunhas desas moitas cousas que quedaron por amosar por falta de tempo, pero...xa vedes como titulamos esta achega.

MAGOSTO COMPARTIDO CON PRIMARIA

"DE CANDO NOS CONTARON HOMIÑO DE MAZAPAN E OBROUSE A MAXIA".

"SABELA GAGO E AS SÚAS HISTORIAS"

venres, 9 de febreiro de 2018

OBRADOIROS DE MANIPULACIÓN E EXPLORACIÓN: O TACTO

O trimestre pasado comezamos un novo obradoiro impartido pola profe Sonia. Nel os peixiños puidemos experimentar, descubrir, manipular… e, pouco a pouco,  decatarnos de todo o que podemos coñecer a través dos sentidos.
Con estes obradoiros pretendemos desenvolver as capacidades sensoriais a través da experimentación; identificar e diferenciar as cualidades dos obxectos a través dos diferentes sentidos corporais; tomar conciencia e transferir en linguaxe o que percibimos polos sentidos.


Na primeira sesión coñecemos unha carpeta e unha caixa moi especial, a das mil e unha sorpresas. Nela viña un conto sobre os sentidos, que nos serviu para empezar a falar, en primeiro lugar,  do tacto.  
Mirade como xogamos e nos demos conta das características dalgunhas texturas.

sábado, 27 de xaneiro de 2018

GASPAR ESTIVO NO NOSO COLE!!!

Aínda que xa pasou algo máis dun mes, coido que paga a pena ollar este video...
Ao voltar da biblioteca  Neira Vilas os peixiños atopáronse cunha sorpresa inmensa.
O rei Gaspar estaba sentado na entrada do cole agardando para falar con eles.!!!
Mirade as súas  cariñas que só desprenden inocencia e ilusión. Un momento único.

VISITAMOS A BIBLIOTECA NEIRA VILAS

O pasado 21 de decembro os peixiños de tres e os osiños de catro visitamos a biblioteca Neira Vilas. Un espacio moi acolledor para introducirnos no mundo máxico dos libros.
O tempiño que alí estivemos gustounos moito porque escoitamos diferentes contos sobre os bosques, clasificamos diferentes libros segundo a etiqueta que levaban, ollamos distintos contos e, para rematar, fixemos un obradoiro centrado nas catro estacións.

xoves, 18 de xaneiro de 2018

TRABALLIÑOS DE NADAL (MAKING OFF)

Alá polo 21 de decembro chegaron os nosos traballiños do primeiro trimestre, pero quedou por ver todo o proceso de elaboración.
Aqui tedes un pequeno resumo.