domingo, 25 de decembro de 2016

O REI MAGO GASPAR VISITOUNOS TAMÉN

Como xa é tradicional no Párroco, un dos Reis Magos, desta volta Gaspar, interrumpiu as moitas tarefas desta época para achegarse ata o noso cole. Con moita paciencia escoitou as nosas peticións e animounos a seguir sendo uns nenos estupendos...e se algún non o é que se poña as pilas xa; porque a noitiña de Reis xa está aí mesmiño!. 
Mentres ide vendo as nosas facianas e ollade como todos foron contándolle as súas cousiñas...os máis pequenos con moito medo, pero é o normal.!

O APALPADOR VISITOUNOS

O día 20 achegouse ata o noso cole o Apalpador para darnos a coñecer unha das tradicións de nadal en Galicia. Desfrutamos moito con el e xa agardamos que dentro dun ano poida volver visitarnos. Como vimos facendo neste trimestre tódolos nenos de infantil compartimos este momento tan importante e ademáis vivímolo canda os nosos amigos de 1º e 2º de Primaria. Despois, en quendas de tres, fixemos a nosa xa "tradicional" (neste curso) rolda de obradoiros. Neles, - mesturados grandes, medianos e pequechos - puidemos facer a nosa barba do Apalpador, compuxemos puzzles do personaxe na pizarra dixital e baillamos e cantamos  cancións.  Deixámosvos aquí as fotos da sesión co Apalpador; as dos obradoiros non ides poder velas porque foi imposible facelas co rolar de nenos dunha clase a outra.!


sábado, 24 de decembro de 2016

OBRADOIROS COMPARTIDOS TAMÉN NO MAGOSTO

Decididos coma estamos a compartir moitas das nosas aprendizaxes, en novembro celebramos o magosto coa xuntanza  tradicional no patio, degustando as riquísimas castañas que asaron Luis e Sol para todos nós.
Mentres os nosos compañeiros facían xogos populares, nós, os de infantil, compartimos todos xuntos uns obradoiros cunhas actividades moi especiais.
Na clase de Charo poidemos confeccionar as nosas diademas de magosto para lucir na festa, xa veredes que guapiños estabamos.!
Na clase de Pilar escoitamos o conto "Xaime e as Landras" e fixemos un debuxo sobre o mesmo.Ademais agasalláronnos cun marcador de libros especial.
Por fin na clase de Montse puidemos relaxarnos baillando a muiñeira e outros bailes que ela tiña preparados para nós.
Que divertido! 
Ao final a paparota de castañas e o xogo no patio foron o remate dun día perfecto. Nas fotos dos obradoiros veredes como tódolos nenos e nenas imos  pasando por quendas por cada clase. 


obradoirosmagostoinfantil - Kizoa Editar Videos - Movie Maker


As fotos do magosto no patio tédelas nesta ligazón, para os que non as mirastes xa daquela.

NO SAMAÍN ... COMPARTINDO

Este trimestre compartimos unha chea de experiencias que agora que temos chegado ao final ímosvos lembrar.
A primeira festa que celebramos xuntos foi o Samaín.
Primeiro baleiramos cabazas seguindo a tradición e deixámolas ben limpiñas para poder transformalas en calacús. As sementes gardámolas para plantalas na primavera. Xa vos contaremos. Despois desfrutamos da festa de Samaín. Cos nosos compañeiros de todo infantil disfrazámonos e fomos pasando polas aulas onde as profes agardábannos cunha sorpresa... Sonia contounos un arrepiante conto de monstros e na clase de Charo tiñan preparado un baile que tivemos que esforzarnos en aprender axiña. 
Despois chegou o intre de leva-los calacús á exposición de outono e fixémolo cun divertido "ritual" que recitamos unha e outra vez ata que tódalas caveiras estiveron no seu lugar. Como remate da festa  miramos o vídeo do conto "Carabuñas" contado por uns peques coma nós. Encantounos.!


xoves, 1 de decembro de 2016

NOVEMBRO DE XOGOS POPULARES

Este mes en psicomotricidade divertímonos cos xogos populares. Un día creamos diferentes recantos de xogos: practicamos lanzamentos no come castañas, cos aros e tamén xogamos aos bolos. Para iso creamos tres grupos diferentes que ían rotando. Nas demáis sesións do mes fomos coñecendo novos xogos: de corro como "El patio de mi casa" ou "El corro de la patata", zapatilla por detrás", a pita cega, Un, dous, tres escondite inglés, o espello, a pita cadena, as cadeiras, variando o xogo e empregando aros, e xogos coa corda como a serpe.

mércores, 23 de novembro de 2016

ESPREMEMOS E TINGUIMOS CO ZUME DAS UVAS

Desta vez tocou experimentar coas uvas, ver que ocorría cando as esprememos e que podemos facer co zume que obtemos.
A verdade é que a experiencia resultou divertidísima, tanto que xa lle dixemos á profe Sonia que queremos repetila.


RECANTO DE INVESTIGACIÓN SOBRE A VENDIMA

Xa sabedes que sempre que investigamos sobre un tema montamos un recuncho con toda a información que as  nosas familias van aportando.
A verdade é que  é incrible o que nos axudades, porque grazas á vosa colaboración podemos avanzar nas nosas aprendizaxes e facer cousiñas coma estas.


O VENRES DE SAMAÍN

Despois de toda unha semana cociñando, falando dos nosos medos, baleirando cabazas , decorando os nosos corredores, contando historias monstruosas...chegou o gran día: o venres de samaín.
Aínda que non hai moitas fotos porque estivemos moi ocupados en disfrutar de cada momento, aquí tedes unha pequeniña mostra.

domingo, 20 de novembro de 2016

UNHA SEMANA DE MEDO

A semana do samaín foi unha semana de medo. Non só porque é unha festa relacionada có medo, senón tamén porque fixemos unha morea de cousas.
Falamos de cousas que non asustan, baleiramos cabazas cos nosos compañeiros de catro e cinco anos, fixemos pantasmas, escoitamos o conto  ESTAS AHI, MONSTRUO?, fixemos galletas monstruosas e, por suposto, unha festa  con baile incluído.

xoves, 27 de outubro de 2016

OS PRIMEIROS DÍAS DOS DE 4 ANOS

Os de 4 anos levamos xa un mes no cole adaptándonos a esa cousa de sermos maiores. Mentres, desfrutamos dos xogos cos amigos e comezamos a traballar as primeiras rutinas e habilidades. Tamén comezamos os nosos obradoiros matemáticos nos que imos coñecendo distintos materiais manipulativos. E entre xogo e traballo tamén tivemos tempo de agasallar aos compañeiros que eses días cumplían anos. 
De tódolos xeitos, perdede coidado; estas fotos pertencen  ao pasado, pois as nosas caras agora xa son moi diferentes. Xa coñecemos mellor a profe, xa temos visto que o traballo que nos agarda é moi divertido e xa empezamos a participar e falar con entusiasmo das nosas cousas. 




mércores, 26 de outubro de 2016

UN BOSQUE DE OUTONO

Aínda que o tempo non acompañe moito, na clase de cinco anos sabemos sobradamente que estamos en outono.
Así que un día pensamos en facer o noso propio bosque de outono, como si de un cadro se tratase.
Só facían falta unhas tiras de periódico, un pouco de tempera líquida, uns gomets para  enmarcar o resultado e moita creatividade.

BUFOS E MÁIS BUFOS

Cantas cousiñas podemos chegar a facer cando xuntamos varias formas xeométricas!!!
Que si un cadrado, que si círculos de distintos tamaños, que si agora un semicírculo... Só temos que pensar e dar libre curso á nosa imaxinación coa axuda das profes Charo e Sonia.
Se queredes sorprendervos, botádelle unha ollada ao seguinte video.

VISITA A VIÑA DE BRAULIO

Aínda que xa pasaron varios días dende que visitamos a viña de Braulio, seguro que estades ansiosos por ver as nosas caras ó longo dese día.
A verdade é que tivemos moita sorte porque Braulio e Concha portáronse moi ben con nós.
Abríronnos as portas da súa casa para ensinarnos todo o que alí teñen, que é moítisimo: unha viña enorme, unha horta, un invernadoiro moi curioso, unha bodega....
Visitamos todos eses recunchos e escoitamos moi atentos todo o que o noso veciño e as profes nos ían contando, pero sen dúbida o sitio onde máis  paramos foi na bodega.
Alí sí que aprendimos cousas que ben seguro xa sabedes porque volas contaron. Aínda así, aquí tedes un resumo desa visita tan proveitosa e que deu comezo ó noso proxecto trimestral.

martes, 27 de setembro de 2016

COMEZAMOS!!!

Estes primeiros días aproveitamos para facer novos manteis,  renovar as portadas das libretas viaxeiras, estrear o recuncho de lóxica- matemática e lectoescritura, xogar e, sobre todo, divertirnos moitísimo.


Mirade, mirade...



XA ESTAMOS AQUÍ DE NOVO!!!

Aínda que pareza mentira xa estamos aquí de novo e coas pilas ben cargadas.
Estes primeiros días están sendo un pouco toliños porque estamos algo nerviosos e ansiosos coa volta ao cole .Temos ganas de falar a todas horas, de xogar, de rir e de probar todas as novedades que hai na clase.
Precisamente por iso,  todos os días recordamos  cousiñas que xa parecían esquencidas ó tempo que falamos moito do noso verán. Un verán que recordamos facendo un mural coas fotos máis significativas para cada un de nós.
   


venres, 1 de xullo de 2016

SAÍDA AO ZOO DE VIGO

Non hai un final de curso en condicións sen unha saída tamén en condicións.
A nosa, como ben sabedes, foi ao zoo de Vigo con todos os nosos compañeiros de infantil.
O día acompañounos para ver moi de cerca distintos animais e, sobre todo, para disfrutar dunha mañá ó aire libre que, por certo, é o que máis nos gusta..
Botádelle unha ollada as nosas caras para ver cómo disfrutamos.

Bo verán a todos, disfrutade moito destas merecidas vacacións.  Vémonos en setembro.
 

OBRADOIRO DE TAI CHI

Desta vez sobran as palabras e as explicacións, o único que non sobra e o agradecemento a Ángeles, mamá de Antón, por prestarnos o seu tempo, as súas gañas e sobre todo os seus coñecementos.
 

VISITA A PANADERÍA DE MASSINI

A verdade e que o noso proxecto deu para moito. Nesta ocasión aproveitamos para ver de primeira man o traballo dun panadeiro.
Gracias a Massini puidemos experimentar coa masa, traballala, darlle forma e ver o resultado.
A verdade e que foi unha saída moi produtiva, non só por todo o que aprendemos, senon tamén polo merecido almorzo ó que nos convidaron.

xoves, 30 de xuño de 2016

OBRADOIRO LINGUA SIGNOS II

A segunda parte deste obradoiro estivo máis centrada no propio alfabeto da lingua de signos.
Encantounos aprender, por certo, moi rápido cómo os xordos colocan as súas mans para dicir por exemplo o seu nome.
Gracias profe Bea pola túa colaboración e a túa axuda.

mércores, 29 de xuño de 2016

OBRADOIRO LINGUA DE SIGNOS I. 4 ANOS

Gracias a invitación da profe Bea puidemos aprender, gozar e practicar durante dúas sesións dun obradoiro de lingua de signos.
Bea contounos que hai moitas persoas que non poden escoitar coma nós e precisan comunicarse coas mans.
Na primeira parte do obradoiro adicámonos a xogar cunhas tarxetas nas que aparecían distintas imaxes e que nos serviron para empezar a coñecer cómo os xordos colocan as súas mans para dicir por exemplo mono, coello, bebé, lobo, pomba...


VAI DE TACTOS!!!. 4 ANOS

Desta vez tocaba traballar que as cousas poden ser rugosas, suaves, ásperas, lisas... Así que, unha vez posto o anteface, decidimos experimentar coas xemas dos dedos e có noso sentido do tacto.

EN BOAS MANS!!!. 4 ANOS

Cando un día empezamos a comparar as nosas extremidades, decidimos enviar unha notiña a casa para que nos enviasen as fotos das mans dalgúns membros da familia. Pouco a pouco, empezaron a chegar  fotiños que nos serviron para traballar tamaños, cores, texturas e, sobre todo,  a marca que vai deixando o paso do tempo na pel das persoas.

luns, 27 de xuño de 2016

FOTOS DE 5 ANOS

Grazas á colaboración de María temos algunhas fotos de 5 anos para vos amosar. Ollade que guapos están! Facer...fixérono estupendo, aínda que nas fotos non os poidades escoitar.








venres, 24 de xuño de 2016

FIN DE CURSO EN INFANTIL

O pasado martes celebramos a festa de fin de curso e durante unha hora os nenos e nenas de 3, 4, 5 e 6 anos (os de 1º de Primaria) adicáronse con entusiasmo a facer que o pasasemos moi ben vendo como cantaban e bailaban. Aquí deixámosvos as fotos. Non saen as da actuación dos de 5 anos porque non temos; a fotógrafa estaba ocupada dirixindo. A ver se algúen do público comparte algunha foto  para que os poidamos ver...a  eles e a Timoteo!

venres, 17 de xuño de 2016

COMPARTINDO COUSAS NO CICLO

Nestas últimas semanas estamos compartindo cousas importantes. Primeiro foi o contacontos "O faro das almas " que os rapaces de 4º de Primaria fixeron para nós, adaptando os textos do conto orixinal. Podedes ver as fotos no blogue da biblioteca. 
Despois, este mesmo luns tivemos unha visita moi esperada que, en especial, aos nenos e nenas de 5 anos, emocionounos moito. Sabiamos dende había un tempo que a nosa compañeira e amiga Sabela tocaba o violín e que quería traelo ao cole e amosarnos como tocaba. Daquela o día acordado fomos felices ata a biblioteca para escoitala e coñecer tamén a Eva, a súa profe.
A sorpresa para nós foi que nos tiñan preparada unha viaxe musical moi especial da man dun personaxe chamado Estradiva que era....claro, Sabela!. Con elas coñecimos algunhas cousiñas do violin, fixemos ritmo e cantamos. Foi un cachiño do noso día no cole en que o pasamos fenomenal, todos xuntiños: os de 3, os de 4 e os de 5.
E...queredes saber como o fixo ela?....Xenial!!!
Moitas grazas a Eva e mais a Sabela. Seica algún outro día no curso que vén, podedes volver a abrirnos outra xaneliña ó voso  bó facer musical.


xoves, 9 de xuño de 2016

UN ZOO DE MANS!!!

Cando falamos na clase de todo o que podiamos facer coas mans, non imaxinabamos que mesmo podían converterse en auténticos animais. Só tiñamos que colocar a nosa man axeitadamente, decorala e para que quedase máis completiño escribirlle un poema. Mirade que chulo quedou o noso zoo con animais da sabana, da selva e incluso da granxa. 



martes, 24 de maio de 2016

MANS EN POSITIVO E NEGATIVO

Unha vez que puxemos en común todo o que sabiamos das mans e todo o que nos interesaba saber sobre elas, decidimos investigar.
Despois de ver algunhas imaxes , achamos que xa os primitivos empregaban as súas mans para decorar as cavernas con pinturas rupestres.
Nos quixemos imitarlles e pintar as nosas mans en positivo e en negativo.

CAIXA DOS TACTOS

Grazas a colaboración da familias de Alex e Noa P, poidemos experimentar eso de adiviñar que cousiñas iamos collendo da caixa.  Tede en conta que só podiamos empregar o noso tacto e as pistas que nos ían dando os nosos compañeiros.
Mirade que divertido resultou e cantos conceptos traballamos mentras xogabamos.
 Hoxe aínda seguemos a empregar as caixas dos tactos cando xogamos nos nosos recunchos.

xoves, 5 de maio de 2016

RECUNCHO PROXECTO AS MANS. 4 ANOS

Con todo o material aportado polas familias e outro que fomos incorporando nós a medida que iamos avanzando na nosa investigación, montamos o noso recuncho informativo. Alí colocamos de todo, dende material manipulativo ata libros con alfabeto braille. O certo é que este recanto deu para moito, posto que a el recurrimos moitas veces, non só para ollar, ler ou xogar con todo o que alí había, senon tamén para satisfacer a curiosidade de todos os que se detiñan a ver todo o que alí fomos colocando. Botádelle unha ollada a todo o material recibido e o resultado final.

MONTAMOS O NOSO RECUNCHO INFORMATIVO

mércores, 27 de abril de 2016

UN PAQUETE SORPRESA PARA CATRO ANOS!!

Hai xa algúns días, Sonia, a orientadora do noso cole, trouxonos un paquete que o carteiro deixara para nós na entrada do cole. Non eramos capaces de controlar os nosos nervios e só queriamos abrir a caixa que viña tan ben envolta. A profe Charo preguntábanos que podía ser o que había dentro, pero endexamais pensamos que iamos a atopar unha carta cunhas instruccións, un conto, unha varita máxica e un sombreiro de mago. Mirade o noso entusiasmo e as nosas caras cando nos atopamos con todo o que ía ser o inicio do noso proxecto: as mans.

UN PAQUETE SORPRESA PARA CATRO ANOS!!

venres, 22 de abril de 2016

MENUDA SEMANIÑA... OUTRA VEZ! 5 ANOS

Parece que lle estamos a coller gusto a este título!!. 
A semana semellaba tranquiliña. Moitos compañeiros faltaban; os que quedabamos non estabamos moi ben e pensabamos pasar a semana esperando a recuperar a normalidade. 
No noso calendario de cumpreanos descontabamos xa as últimas xornadas antes do cumple de Paula e ela sumaba nervios. 
De súpeto, comezaron a sucederse as novas. Para empezar entráronnos gañas de coñecer que faro tiñamos que traballar este trimestre. Xa había uns días que Metalmoucho mandara a súa carta, pero Pilar quería esperar. É igual!- dixémoslle-  xa lles contaremos todo despois aos compis que están maliños!!. 
Dito e feito, desplegamos a nosa maxia no ordenador e aínda que nos costou un chisco... (bueno, non foi á primeira, nin á segunda...a sexta vez que probamos xa o descubrimos!) agora xa sabemos que a nosa próxima viaxe vai ser ó Faro de Ortegal no cabo Ortegal (xa vos explicaremos ben onde está). Como estamos moi "competitivos" enseguidiña quixemos deixar a  nosa mensaxe a Metalmoucho.  Non podía ser outra...Somos os primeiros!




Na mesma mañá, os compis de 2º trouxéronnos unha invitación para un contacontos. Que emoción! Non nos daba chegado o martes!
Ao día seguinte, cando estabamos preparados para ir á biblioteca, tivemos outra sorpresa. Sen avisar (o iso pensamos nós) veunos visitar a nosa amiga Elsa, aquela que nos falou hai tempo da igualdade entre nenos e nenas. Agora traía un novo conto e un misterioso termómetro. O conto, "Maruxa" , encantounos. Algúns xa o coñeciamos. Co xogo emocionámonos gañando puntos. Aprendemos que a palabra correcta na casa é "colaborar"; que as tarefas repártense e fanse entre todos e que nós, aínda que sexamos pequenos, temos moito que facer para colaborar na limpeza e na orde. Ademais os amigos de 2º prometeron repetir o conto e así poidemos desfrutar desta nova actividade tranquilos.



As emocións non remataron. O mércores viñéronse presentar os padriños e madriñas e  soubemos que iamos ter padriños e madriñas de tódolos tamaños e cursos.



Despois do recreo fomos á biblio e desfrutamos cos nosos amigos "contacontos". Pasámolo xenial! Mirade na outra entrada.
O xoves non pasou nada (fora do normal), menos mal!
Por fin,  o venres chegou o  cumple de Paula que tivo un agasallo máis dos que esperaba...que o seu aniversario coincidise coa actividade dos "Padriños". Pero se queredes ver estas fotos  teredes que ir ao blogue da biblio

OS DE 2º A CÓNTANNOS UN CONTO NA SEMANA DO LIBRO

Dentro das actividades do mes dos libros os nenos de infantil tiveron a sorte de desfrutar dun contacontos moi especial. Os nenos e nenas de 2ºA prepararon un  precioso conto en Kamishibai. Tratábase dun  dos sete contos de Arnold Lobel do seu libro "Contos de ratiños" editado por Kalandraka. Eles adaptaron o conto, debuxaron as escenas, organizaron o seu desenvolvemento e non esqueceron contalo con moita soltura e preparar elementos motivadores para enganchar a un público tan dificil,  pero sempre disposto a deixarse sorprender. En dúas sesións diferentes atrevéronse primeiro cos pequenos de 3 e 4 anos e despois cos de 5 anos. E as dúas veces fixérono moi ben. Ademáis agasalláronnos cuns preciosos barquiños de papel que tiñan ben agachadiños dentro dunha misteriosa rede. O tema do conto xa volo imaxinades...o mar. É que este curso estamos moi mariñeiros.

Como remate de ouro da sesión Inés e André atrevéronse cun conto inventado e preparado con papiroflexia. A todos encantoulle.


mércores, 13 de abril de 2016

OBRADOIRO DE COCIÑA. 4 ANOS

O que máis nos gusta aos nenos de catro anos é experimentar cousas novas, pero sobre todo cousas que teñen que ver coa cociña. Por eso, a profe charo e a profe elvira propuxéronnos facer unha casiña de chocolate aproveitando que estábamos ás portas da Pascua. Mirade os nosos resultados e tódolos conceptos traballados.
 

XA TEMOS CINCO ANOS!!!

 O último xoves do segundo trimestre celebramos os aniversarios de david, clara, noa p, lucía e noa r. Soamente tedes que ver as caras destes cativ@s para entender a ilusión que lles fai celebrar o seu aniversario. Unha vez máis gracias ás familias dos protagonistas pola súa colaboración. 

luns, 11 de abril de 2016

REMATAMOS O SEGUNDO TRIMESTRE.4 ANOS

Aínda que non o pareza, xa levamos máis de medio curso andado. O segundo trimestre xa rematou, e  boa mostra delo son as portadas de Pascua para levar a casa tódolos nosos traballiños.

sábado, 19 de marzo de 2016

AS COUSAS DO SEGUNDO TRIMESTRE. 5 ANOS

Ainda que non o pareza este trimestre traballamos arreo e ademáis levabamos varios temas á vez. Non sei se nalgún intre nos fixemos un pouco de barullo. 
Démoslle a todo...os arrolos da paz, o entroido, os romanos, os poemas de rosalía, o faro de fisterra. Polas mañás a nosa rolda de diálogo era un rebumbio onde cadaquen tocaba un tema distinto e ademáis aínda tiñamos moito que contar das nosas cousas. Tanto que algúns días houbo que suspender o faladoiro para poder facer o traballo das mesas. 
Ao mesmo tempo seguimos a traballar matemáticas xogando, continuamos o noso traballo no caderno de biblioteca e avanzamos no noso coñecemento das palabras. 
Tivemos moito tempo tamén de compartir cos amigos experiencias distintas ( a paz, o entroido, os recitados, os contacontos,...) como xa vos fomos contando. Deixamos aquí a crónica fotográfica do trimestre na que sempre faltan cousiñas que foi imposible fotografar e momentos memorables nos que foi mágoa non ter a cámara de video encendida.(como pasou con algunhas explicacións que nos deron os nenos  sobre quen era rosalía, a súa importancia para o noso idioma, detalles da vida dos romanos ou algunhas lendas da romanización...).
Xa non poñemos esas fotos que están noutras entradas e... menos mal! porque as veces semella que facemos poucas fotos na aula e cando as xuntamos todas...mi madriña!! 
Agardamos que disfrutedes casi tanto como disfrutamos nós nestas mañás de traballo e aprendizaxe, do que supoñemos que algo quedará...!



venres, 18 de marzo de 2016

REMATAMOS O TRIMESTRE COMPARTINDO UN CONTO TODOS XUNTOS

Tódolos nenos do ciclo compartimos hoxe unha interesante experiencia para despedir o trimestre. Os nosos amigos de 3º de Primaria entusiasmáronse hai tempo na preparación dun contacontos para nós. Tratábase, coma descubrimos hoxe, do conto "Fede diferente", unha fermosa busca da propia identidade (e con faros de por medio!!).
 -Cantos nenos van vir? preguntaron  aí atrás.
- 74? 
- uff!! Imos ter que preparar moitas cousas!.
Abofé que o fixeron moi ben e desfrutamos moito con eles.  Contaron o conto; planificaron actividades para antes e despois do mesmo e tiveronnos toda a mañá en vilo cos preparativos e con tódalas cousas  que ían aparecendo por aí . 
Primeiro, descubrimos que os corredores estaban cheos de estranos papeis; despois,  unhas misteriosas pegadas negras... (seica eran de ovella), que enseguidiña averiguamos a onde levaban...á biblioteca! 
Unha vez alí escoitamos o conto e participamos das preguntas e do que nos amosaron. Déronnos a todos un pequeno agasallo. Querían dicirnos que todos somos especiais, como Fede. Que non sabedes quen é Fede?. Preguntádelle aos cativos se é que non volo contaron xa.! De volta nas clases tiñan uns debuxos preparados para nós que todos coloramos con moito gusto. Con moita pena despedímonos deles e dos títeres que os acompañaban...a ver se mais adiante anímanse con outro conto!!


xoves, 17 de marzo de 2016

ASÍ FOI O TRIMESTRE ... 3 ANOS

O longo destes meses estivemos aprendendo, xogando , disfrutando , compartindo e descubrindo moitas cousas ... queremos compartilas con tod@s.

xoves, 3 de marzo de 2016

OS DE CINCO, ROSALÍA E OS DE 4º DE PRIMARIA

Coma vos comentamos na entrada anterior, os nenos de 4º de  Primaria e nós, os de 5 anos, compartimos unha 2º sesión de poemas de Rosalía na biblioteca. Desta vez, os nosos amigos léronnos o poema "Adios ríos, adios fontes"e nós recitámoslle o fragmento do poema aprendido ("lugar tan fermoso"). Tamén Tiago volveu a interpretalo a ritmo de rap. Tanto lles gustou que nos pidiron un "bis" e nós, -claro que sí- , repetimos todo. Ao mesmo que o primeiro día, desfrutamos dos poemas de Rosalía e da compañía.


venres, 26 de febreiro de 2016

VAIA SEMANIÑA!!...EN 5 ANOS

Esta semana que vimos de rematar ten sido intensa en actividades diferentes ás que acostumamos.
Comezámo-lo luns cun obradoiro de igualdade organizado polo Concello. Elsa veu á nosa aula a  falar connosco diso tan importante de que "todos e todas" podemos xogar "a todo" e mellor se o facemos xuntos. Ademáis contounos un contiño "Iriña a bailarina" que nos gustou moito e fixo con nós uns xoguiños. Pasámolo moi ben. Tamén aproveitamos para lle amosar todo o que nós estamos traballando e falámoslle da ultima petición dos mouchiños. Encargáronnos pescudar cousiñas sobre o Faro de Fisterra!!. E que casualidade! Elsa naceu moi pretiño de alí; daquela podemos contar con ela como fonte de información.


A semana continuóu preparando e celebrando o Día de Rosalía, que no noso caso foron dous días.  Todo comezou coa invitación que atopamos unha mañá ao chegar á clase. Roi foi o encargado de lela. A petición entusiasmounos, coma sempre, e de seguida, comezamos a buscar poemas que puideramos recitar.




O 24 e o 25 de Febreiro fomos á biblioteca a desfrutar dos poemas de Rosalía cos nosos amigos. 
O primeiro día os nenos de 2ºA acompañáronnos no recitado, mentres nos escoitaba un nutrido público. Ao día seguinte foron os nosos amigos de 4º de Primaria quen recitaron para nós. Nós fixemos "re-festa" e tamén lles recitamos o noso "anaquiño" do poema "Lugar tan fermoso" a ritmo poético e a ritmo de rap, ainda mellor do que o fixeramos o día anterior. 
O poema xa o escoitariades nas casas. As fotos deixámolas aquí (as de 4º ainda non as temos) e.... do video non  poderedes disfrutar porque a tecnoloxía xogounos unha mala pasada. Imos ver se somos quen de gravalo na aula cando esteamos mais tranquiliños porque...neste final de trimestre imos a tope co traballo dos romanos e do novo faro.


mércores, 10 de febreiro de 2016

PRIMEIRAS FOTOS DO ENTROIDO EN INFANTIL

Aínda non puidemos xuntar tódalas fotos feitas no Entroido, pero aquí  vos deixamos este aperitivo, para que vaiades vendo que ben o pasamos!!.  Hai máis dos nenos e nenas de 5 anos que dos de 3 e 4, pero...enseguidiña arreglamos este asunto e poñemos máis dos nosos compañeiros.
Os nenos de 5 anos antes de desfilar saímos ao corredor a mirar ben como se vestiran os nosos compañeiros de primaria. Despois nós mesmos incorporámonos ao desfile e bailamos a canción escollida canda os nenos e nenas do cole.
Xa sabedes que o tema era a Galicia costeira. Daquela nós fixemos o noso disfrace de mar con moito peixe e marisco...que non pode faltar en Galicia!. Pasamos moitos nervios nos días anteriores á festa e algún non traballou tan ben como sempre fai, pero ao cabo  estabamos todos moi lucidos.
 Grazas a tódolos pais e nais e... familia que puidestes acompañarnos. Encantounos poder amosarvos o noso traballo e desfrutar deses momentos de ledicia con todos vós.


xoves, 4 de febreiro de 2016

OS DE CATRO TAMÉN COMEMOS FROITA!!!

Na semana da froita os de catro comemos moitísima froita. Algúns chegamos a comer ata tres pezas diferentes no mesmo día.


Somentes é cousa de insistir nelo e de animarse a probar.

luns, 1 de febreiro de 2016

ESTAMOS EN INVERNO!!!!

Aínda que o tempo nos ten algo despistados, na clase de catro anos temos claro que estamos en inverno.
Daquela, quixemos adornar o noso corredor cuns bonecos de neve que fixemos coas nosas cariñas.

Aquí tedes o resultado.

xoves, 14 de xaneiro de 2016

OS REIS MAGOS TROUXÉRONME...

Á volta das vacacións de nadal, os nenos de catro anos atopamos un super paquete no medio da nosa clase. Non tardamos nadiña en dar voltas ao seu redor e preguntarnos que podería ser aquelo tan grande. Por eso, empezamos a movelo para que soase, a arrastralo, a ulilo, a collelo para comprobar se pesaba moito... Feitas as nosas pescudas comezamos a pensar e a dicir que podería ser o que había dentro daquela caixa. Que se unha caixa misteriosa, que se un piano, que se unha boneca xigante, que se unha espada de star wars...vamos un non parar de suposicións. Ata, que por fin, a profe charo deunos permiso para abri-la caixa e... sorpresa! Un baúl cheiño de disfraces e complementos para crear un novo recanto na nosa clase.