sábado, 27 de novembro de 2010

O MURAL DE CORRE CORRE CABACIÑA


Como somos os maiores, fomos os responsables de encher de contido o mural adicado a “CORRE, CORRE, CABACIÑA”, o conto que nos contaron na biblioteca a todos xuntos no mes de outubro. Mentres que agardamos que chegue a segunda edición do “CONTAMOS MOITO”, agora xa a fin de mes  (a ver se o verme guillerme nos acompaña), deixámosvos ver algunhas das nosas creacións.




DO SAMAIN AO MAGOSTO


Cando chegou o Samaín vestímonos para  a ocasión, como xa vistes en outro post anterior, limos “Corre, Corre Cabaciña” e concentrámonos no estudio  das cabazas. Axiña tivemos que aparcar un momentiño esta tarefa para prestarlle atención as castañas e o castiñeiro xa que “corre, corre” velahí viña o  magosto. As lecturas e os traballos nas clases enchéronse de castañas e decidimos facer un mural castañeiro e participar con todo o cole no magosto.

FOTOS MURAL






FOTOS MAGOSTO


MERENDOLA DE OUTONO

"Chegou o outono"... foi a invitación que no mes de outubro se nos fixo dende o equipo de normalización. Daquela, nós -ademais de sair o noso xardín a mira-la  natureza en outono- decidimos participar nun obradoiro de froitas de outono.
·        Trouxemos froitas á clase que tamén serviron para participar na exposición colectiva.
·        Visitamos  as clases de infantil e primeiro ciclo de primaria para ver que froitas tiñamos ali e con todas as que xuntamos fixemos unha gran merendola. Algúns resistíronse a probar algúns sabores, pero  aínda así pasámolo moi ben…
·        Tamén aprendimos o nome das froitas e fixemos un mural. Os de infantil escribimos sempre en maiúsculas pero nos gusta ver como as nosas letras fanse pequenas cando as escriben as nosas amigas de primeiro e segundo.
·        E quixemos colaborar nos outros murais colectivos que van enchendo as paredes do cole









domingo, 21 de novembro de 2010

EXPLICANDO

Como este blog comenzou a súa andaina cando o curso estaba xa bastante comezado temos unha chea de experiencias que queremos contarvos, ainda que algunhas sucederon hai tempo. Daquela, os contidos que estamos a publicar están un chisquiño enguedellados. Imos indo aos pouquiños, cara diante e cara atrás no calendario, segundo imos pondo orde nos nosos arquivos de fotos…
Tamén van ir aparecendo cousas novas na parte dereita. Aos poucos iremos aprendendo mais e mais cousas deste mundo do blog e atopando recursos interesantes para  traballar no cole e na casa nos días de chuvia.

sábado, 20 de novembro de 2010

O QUE PENSAMOS DA APRENDIZAXE



Segundo explicamos na “primeira mora” este é o blog dos nosos proxectos na biblioteca. Por que entón desfilan por el experiencias que parecen no ter relación coa biblioteca e os contos que traballamos?  
Para nós a aprendizaxe é un xogo, e ten que nutrirse de moitas experiencias e poñer todas elas en relación.

O que non se vive non se aprende. 
Aprendemos cando estamos emocionalmente implicados en cada experiencia. Os contos anímannos a investigar, vivir e compartir. De ahí a importancia de traballar xuntos e compartilo todo...

venres, 19 de novembro de 2010

CUMPLES E LIBROS

Nos dous meses que levamos de cole, na aula de 5 anos, xa disfrutamos de dous cumples e un santo nos que ademais de comer riquísimas tartas fixemos uns fermosos agasallos para os nosos compañeiros. Queremos que sempre lembren de xeito especial este último cumple en educación infantil. 
Daquela compómoslles cadanseu libro de cumpleanos cos nosos debuxos e mensaxes de felicidade, ainda que cos nervios e a emoción da festa  algúns non poidemos dar o mellor de nós mesmos...












DEBUXO DIXITAL

Un pouco mais tarde do previsto os nenos de 4 iniciamos hoxe a nosa andaina no obradoiro de grafomotricidade dixital no que está mergullado todo o ciclo de infantil neste primeiro trimestre. 
Debuxando e borrando coa nosa man pasamos un cachiño de tempo moi ledo na biblioteca, aprendendo a gobernar ese lápiz máxico que moitas veces non quería traballar. Non estamos todos nas fotos, pero ningún de nós quedou sin probar sorte nesta nova aventura...
e iso que metían medo eses trazos xigantes !



luns, 15 de novembro de 2010

O VERME GUILLERME

   O pasado venres agardábanos na escola unha sorpresa moi especial...un paquete da nosa amiga A BRUXIÑA TICA. 
 Presentounos a un dos amigos que fixo na súa longa viaxe O VERME GUILLERME, quen nos vai acompañar nas nosas aventuras na biblioteca porque lle gustan moito os contos...e fíxoo mandándonos unha mensaxe falada dende as Galápagos. Ollade e escoitade...


Untitled from camilo on Vimeo.




domingo, 14 de novembro de 2010

TARTA DE CABAZA


Para celebrar o Samaín ademais de disfrazarnos e bailar quixemos facer nós mesmos unha tarta de cabaza.  Deixámosvos a receita e as fotos...estaba riquísima!

RECEITA DA TARTA DE CABAZA
Ingredientes:
400gr de cabaza
300gr de fariña
300gr de azúcre
100ml de aceite
4 ovos
Un chisco de sal
Un sobre de levadura royal
Un chisco de canela

Elaboración:
1/ Picamos a cabaza
2/ Mesturamos todo nun bol na orde da lista de ingredientes e batemos ben
3/ Metemos no forno a 180 grados durante 20 minutos...

...e... A COMER!

Graciñas Profe Montse por cociñar con tódolos nenos de infantil esta riquísima receita.



xoves, 11 de novembro de 2010

Elmer en 3 anos

O libro de Elmer, o elefante de cores máis coñecido no mundo enteiro chegou a nosa clase. Aos nenos/as encantoulle e por iso decidimos facer un entre todos e poñelo no corredor do cole, era a primeira vez que pintabamos na clase con témperas e nos gustou moito, despois pegámos as cores e puxéronnos os profes os nomes de cada un e saímos colgalo. Mirade que bonito nos quedou...



mércores, 10 de novembro de 2010

CONTAMOS MOITO: A VOLTAS COAS CABAZAS



O primeiro libro que os nenos de infantil disfrutamos na biblio foi un clásico nestas datas "Corre, Corre, Cabaciña". Gustounos moito e nós tamen fomos a correr ata a horta ou o supermercado para traer as nosas cabazas á escola...

Este foi o neno que mais correu polo carreiro e chegou de primeiro


Cando o noso cole xa estivo cheo de cabazas adicamos unha mañá a abrilas. Non lles puidemos facer unha porta porque estaban moi duras pero as profes "destapáronas" e nos baleirámolas ben e puxemos as pipas por un lado e a pulpa polo outro. Temos pensado sementar as pipas cando chegue a primavera e agora mesmiño imos  xa  preparar unha tarta de cabaza... non vaia ser que non nos inviten á voda da neta do conto...



martes, 9 de novembro de 2010

A primeira mora!

Benvidos! Comezamos unha nova andadura no noso cole, en concreto na biblioteca, na que faremos moitas cousas para aprender e divertirnos. Os nosos compañeiros nesta aventura serán Tica, coñecida xa no cole, que estivo de viaxe e que chegou cun novo amigo, O Verme Guillerme. Con eles disfrutaremos de peripecias marabillosas e fantásticas, queredes seguirnos? pois mirade, mirade...