xoves, 26 de decembro de 2019

OUTONO NA CLASE DE 3 ANOS

O Outono xa pasou e na aula de 3 anos queremos compartir convosco algunhas das experiencias que fixemos; observamos os cambios no patio da nosa escola, fixemos recolleita de follas e froitos, manipulamos e traballamos os sentidos con eles, clasificamos follas e froitos, contamos, asociamos números e cantidades, experimentamos coas cores do outono, estampamos follas, tapóns e corchos, fixemos unha cesta para o magosto e mesturamos cores do outono ao ritmo de Vivaldi. 
¡Mirade o vídeo e veredes que ben o pasamos!



sábado, 21 de decembro de 2019

OS PEIXIÑOS DESÉXANVOS...

Rematamos este primeiro trimestre moi ledos e satisfeitos do traballo realizado. Agora toca descansar, recargar pilas e disfrutar da familia.

Boas festas para todos e unha aperta moi, moi grande.

xoves, 19 de decembro de 2019

SESIÓN CON LUZ NEGRA

Días atrás tivemos a sorte de experimentar e traballar coa luz negra.
Unha mágoa que non vísedes a nosa reacción cando a clase quedou ás escuras e comezamos a ver os efectos que a luz negra tiña sobre todo aquilo que nos rodeaba.

luns, 2 de decembro de 2019

POR FIN VISITAMOS APIPOLIS!!!!

Neste caso a espera pagou a pena porque o que vimos e experimentamos neste centro non ten prezo.
Foi unha mañá cheiña de sorpresas repartidas nos diferentes obradoiros que Nico e Dori nos tiñan preparados.
Escomenzamos por lembrar moitas cousas que xa sabiamos das abellas; vendo por exemplo, na lupa, onde estaba a abella raíña. Despois entramos no apiario perfectamente vestidos e protexidos para ver unha colmea en directo e os milleiros de obreiras que traballan para acadar o seu obxectivo. Non faltou o obradoiro de galletas e finalmente a visita á sala na que se fai a extracción, colado e envasado do mel.

Só tedes que botar unha ollada ás nosas caras para ver cómo desfrutamos dunha mañá especial.


 

luns, 25 de novembro de 2019

SORPRESA CON LUZ NEGRA!!!

O mércores pasado, á volta de psicomotricidade, ocorreu algo moi raro na nosa aula. 
No corredor encontramos uns círculos de cores e a porta da aula estaba pechada. Resulta que para poder pasar tivemos que pormos unhas pulseiras máxicas.
Estaba todo moi escuro pero, ó mesmo tempo, había obxectos moi brillantes, como a nosa pulseira.
Foi unha sesión con material sensorial para experimentar coa fluorescencia; disfraces,  pinturas e debuxos, troquelados de cartulina, móbiles con formas, construcións con materiais da instalación... 
En definitiva, exploramos un mundo máxico cheo de ciencia, arte e creatividade.



luns, 18 de novembro de 2019

CELEBRAMOS O MAGOSTO

Este ano, despois de que o tempo nos dese unha tregua, celebramos a festa do magosto compartindo un tempiño moi agradable cos nosos compañeiros de 5º de EP .Un tempo de explicacións, de ánimos e, por suposto, tamén de risas. Os maiores orgullos@s da súa encomenda e, nós, encantados da súa compaña. Grazas a tod@s. 
E para poñer fin a un momento tan divertido e de tanto desgaste, que mellor cousa que unha boa papatoria de castañas.  


domingo, 10 de novembro de 2019

OBRADOIROS TERRORÍFICOS DE CICLO NO SAMAÍN

Na mañá do Samain tódolos compañeiros das tres aulas de infantil xuntámonos mesturados para desfrutar de tres estupendos obradoiros que organizaron as nosas profes.

Na aula de Charo puidemos viaxar ata Exipto e converternos en momias. Na aula de Sonia mergullámonos nun estrano mundo de cores e colaboramos na feitura duns terroríficos experimentos.
Da man de Pilar entramos no mundo dos contos acompañando e axudando ao Rato Renato e a unha resabiada velliña que foi quen de enganar  a tres feras que coidaban ser moi astutas.
Pasámolo de medo!!