sábado, 29 de outubro de 2022

DEBULLANDO O MILLO

 Despois da emocionante mañá que gozamos nos distintos obradoiros, de xogar e bailar, decidimos seguir a recuperar tradicións desta época. Os de 3 e 4 compartimos  unha interesante actividade debullando e repartindo os grans do millo nos diferentes recipientes dos que dispomos. Foi un remate diferente e tranquilo da festa de Samaín, mentres agardabamos outros moitos momentos de diversión cos desfraces e os xogos de medo.



OBRADOIROS DE SAMAÍN

 Deixámosvos aquí a presentación dos obradoiros que compartimos no venres de Samaín. Aos pouqueniños iremos amosándovos as outras cousiñas feitas durante a semana. As lecturas compartidas e os murais das cabazas xa podedes velos no blog da biblio



venres, 28 de outubro de 2022

APRENDENDO SOBRE CABAZAS

 O corredor e as nosas aulas estiveron toda a semana  cheos de cabazas e, antes de nos poñer a baleiralas e convertilas nos tradicionais calacús, quixemos saber o que había dentro. Así que compartindo, os amigos  de 3 e 4, abrimos unha enorme cabaza pola metade e fuchicamos nela con tódolos trebellos que puidemos e coas mans ata que fomos quen de deixala sen a carne e mailas pébidas. Miramos como pesaba, como ulía e tocámola todo o que puidemos, pasando un bo tempiño de xogo e aprendizaxe con ela.


O día seguinte puxémonos xa mans á obra, cumplindo coa tradición. Despois de observar ben as cabazas que tiñamos e acordar como facer con cada unha, metimos as mans e gozamos co tacto das cabazas .Damos grazas ás familias polas moitas que nos mandastes! Cando rematamos so desexábamos que chegase a mañá do venres para poder ve-las xa encendidas!.











xoves, 27 de outubro de 2022

AS CHULAS DE 5 ANOS

 Por fin chegou o martes acordado e os nenos e nenas de 5 anos puideron cociñar tamén as súas chulas. Amosaron moita arte pesando, mesturando e remexendo tódolos ingredientes e ata puideron darlle a volta ás chulas e remata-lo traballo de cociñeiros expertos. Despois de tanto choio e bo facer, so lles quedaba dar boa conta de todo o que había nos pratos. Que ricas estaban!


xoves, 20 de outubro de 2022

COMEZAMOS O SAMAÍN COMENDO CHULAS!!!

 

Xa levamos uns días dándolle voltas ao Samaín , pero esta é a primeira actividade festeira que facemos para celebralo. Fixemos festa na cociña antes de que as cabazas da exposición nos metan medo! 

O conto de Tío Lobo foi o que nos empurrou a a facer esta sobremesa, pero agardade...antes de vos contar o que hoxe pasou temos un "conto" verdadeiro que vos contar.

Erase unha vez unha cabaza que no pasado curso no Samain foi baleirada. As súas sementes secaron durante meses e agardaron nunha caixiña na clase de 3. Cando chegou a primavera os nenos e nenas plantáronas no xardín do cole e máis en macetas. Algunhas delas viaxaron ata as casas de todos, tamén das profes. Un ano despois completámo-lo ciclo cocendo unha desas cabazas e cociñando con ela unhas estupendas chulas. Ademáis de poder compartir cos nenos que agora son "os peques" a nosa experiencia e o saboroso doce.










Xa vedes ...esmagamos ben a cabaza para facer puré, batémo-los ovos, mesturamos sucre, fariña e o puré de cabaza e despois de remexer ben deixamos que a cociñeira fixese a maxia. Que riquísimas estaban! E non esquecemos deixar unha poucas para Tío Lobo. Ben que aprendemos a lección de Carmela!.

E dentro duns días os amigos de 5 tamén queren  probar. Xa volo contaremos!