sábado, 24 de decembro de 2022

VISITA DE PAPÁ NOEL

 Tedes no lateral o vídeo da visita de Papá Noel

UN POUCO DE NADAL EN 4 ANOS

 Aínda que foron máis as leas nas que nos metemos, aquí tedes unha pequena mostra dos nosos traballiños de nadal



FACENDO MAZAPÁN. 3 E 4 ANOS

 Os pequenos do cole estan a amosar que son grandes cociñeiros. Primeiro coas chulas e agora atrevéronse có mazapán, un dos doces tradicionais do Nadal. 



venres, 23 de decembro de 2022

NADAL EN 3 ANOS

 Os nenos e nenas de 3 anos amósanvos algunhas das cousiñas que fixeron no Nadal



RESUMO 1º TRIMESTRE NA CLASE DE 5 ANOS

A través desta xaneliña podedes ver  unha pequena parte do que fixemos na clase de 5 anos ao longo do primeiro trimestre. Toda unha  morea de descubrimentos, experimentos, xogos....e, por suposto, moito traballo e diversión.

Mirade...



domingo, 11 de decembro de 2022

PETICIÓNS ÁS FAMILIAS

 Como sabedes, estamos xa decorando o cole de Nadal e traballando contos que nos falan da cociña creativa e personaxes larpeiros desta época. Por se aínda non tivestes a oportunidade de consultar as peticións ás familias para este Nadal, deixámosvos aquí tamén os anuncios publicados nos blogs da biblio, na aula virtual e no instagram.

Animádevos a participar...os primeiros homiños chegados son de familias de infantil! Preparade en familia tamén as vosas receitas doces de Nadal e enviádenos fotos ou vídeo. Nas nosas aulas,  pequenos e grandes, tamén imos cociñar e adornar o cole cos nosos traballiños estes derradeiros días do trimestre.




Sara de 3 anos e Alana de 4 anos xa nos enviaron as súas creacións en familia!


Tamén Aldara de 1º de primaria enviou a súa proposta de galletas para o Nadal. Sinxela e riquísima...!




Asi que xa sabedes agardamos os vosos homiños e propostas doces!

sábado, 12 de novembro de 2022

MAGOSTO EN INFANTIL

 Podedes ver aquí que ben o pasamos nesta festa tan tradicional! Grazas por enviar estas ricas castañas!

AS FOTOS DOS XOGOS


                                     UN PEQUENO VÍDEO DE COMO VIVIMOS A EXPERIENCIA

                                                             AS FOTOS DA PAPAROTA


domingo, 6 de novembro de 2022

DEBULLANDO E COÑECENDO O MILLO

 Tanto gozamos coa experiencia de debulla-lo millo que quixemos repetir. Tiñamos, grazas as familias, varias mazarocas diferentes. Daquela, o traballo foi doado! Observamos as cores distintas dos grans, comprobamos que ao debullalas tiñan diferencias tamén nas cores e démonos de conta que na mesma mazaroca podía haber tamén cores diferentes. Pasamos de novo un tempiño estupendo sacando gran a gran, observando os carozos baleiros e peneirando o millo para poder seguir traballando con el ben limpiño. E todo compartindo.. que sorte temos!



sábado, 29 de outubro de 2022

DEBULLANDO O MILLO

 Despois da emocionante mañá que gozamos nos distintos obradoiros, de xogar e bailar, decidimos seguir a recuperar tradicións desta época. Os de 3 e 4 compartimos  unha interesante actividade debullando e repartindo os grans do millo nos diferentes recipientes dos que dispomos. Foi un remate diferente e tranquilo da festa de Samaín, mentres agardabamos outros moitos momentos de diversión cos desfraces e os xogos de medo.



OBRADOIROS DE SAMAÍN

 Deixámosvos aquí a presentación dos obradoiros que compartimos no venres de Samaín. Aos pouqueniños iremos amosándovos as outras cousiñas feitas durante a semana. As lecturas compartidas e os murais das cabazas xa podedes velos no blog da biblio



venres, 28 de outubro de 2022

APRENDENDO SOBRE CABAZAS

 O corredor e as nosas aulas estiveron toda a semana  cheos de cabazas e, antes de nos poñer a baleiralas e convertilas nos tradicionais calacús, quixemos saber o que había dentro. Así que compartindo, os amigos  de 3 e 4, abrimos unha enorme cabaza pola metade e fuchicamos nela con tódolos trebellos que puidemos e coas mans ata que fomos quen de deixala sen a carne e mailas pébidas. Miramos como pesaba, como ulía e tocámola todo o que puidemos, pasando un bo tempiño de xogo e aprendizaxe con ela.


O día seguinte puxémonos xa mans á obra, cumplindo coa tradición. Despois de observar ben as cabazas que tiñamos e acordar como facer con cada unha, metimos as mans e gozamos co tacto das cabazas .Damos grazas ás familias polas moitas que nos mandastes! Cando rematamos so desexábamos que chegase a mañá do venres para poder ve-las xa encendidas!.











xoves, 27 de outubro de 2022

AS CHULAS DE 5 ANOS

 Por fin chegou o martes acordado e os nenos e nenas de 5 anos puideron cociñar tamén as súas chulas. Amosaron moita arte pesando, mesturando e remexendo tódolos ingredientes e ata puideron darlle a volta ás chulas e remata-lo traballo de cociñeiros expertos. Despois de tanto choio e bo facer, so lles quedaba dar boa conta de todo o que había nos pratos. Que ricas estaban!


xoves, 20 de outubro de 2022

COMEZAMOS O SAMAÍN COMENDO CHULAS!!!

 

Xa levamos uns días dándolle voltas ao Samaín , pero esta é a primeira actividade festeira que facemos para celebralo. Fixemos festa na cociña antes de que as cabazas da exposición nos metan medo! 

O conto de Tío Lobo foi o que nos empurrou a a facer esta sobremesa, pero agardade...antes de vos contar o que hoxe pasou temos un "conto" verdadeiro que vos contar.

Erase unha vez unha cabaza que no pasado curso no Samain foi baleirada. As súas sementes secaron durante meses e agardaron nunha caixiña na clase de 3. Cando chegou a primavera os nenos e nenas plantáronas no xardín do cole e máis en macetas. Algunhas delas viaxaron ata as casas de todos, tamén das profes. Un ano despois completámo-lo ciclo cocendo unha desas cabazas e cociñando con ela unhas estupendas chulas. Ademáis de poder compartir cos nenos que agora son "os peques" a nosa experiencia e o saboroso doce.










Xa vedes ...esmagamos ben a cabaza para facer puré, batémo-los ovos, mesturamos sucre, fariña e o puré de cabaza e despois de remexer ben deixamos que a cociñeira fixese a maxia. Que riquísimas estaban! E non esquecemos deixar unha poucas para Tío Lobo. Ben que aprendemos a lección de Carmela!.

E dentro duns días os amigos de 5 tamén queren  probar. Xa volo contaremos!





luns, 26 de setembro de 2022

A ADAPTACIÓN DOS MÁIS PEQUENIÑOS

 Os máis pequeniños do cole remataron xa o seu período de adaptación. Mirade que ben o pasaron descubrindo o cole e compartindo actividades cos compañeiros maiores.



venres, 1 de xullo de 2022

O ALUMNADO DE 5 ANOS PASA A PRIMARIA!!


Os nenos e nenas de 5 anos xa remataron a etapa de Infantil. Foron tres anos con moitas vivencias e para que vexades canto creceron e cambiaron deixámosvos un vídeo dos tres cursos.

Desfrutade das vacacións!!


sábado, 25 de xuño de 2022

3 ANOS PRESENTA MESOPOTAMIA

 Como estivemos moi caladiños nestes meses, pensastes o mellor que os pequenos pasabamos o día xogando. Pois sí, xogar xogamos moito, pero entre unha cousa e outra tivemos tempo de participar no proxecto que ocupou este curso a tódolos nosos compañeiros.

Queredes coñecer Mesopotamia? Contámosvos unhas pouquiñas cousas.



luns, 20 de xuño de 2022

LEMBRANZAS DE INFANTIL NA RADIO

 Os nenos e nenas de 5 anos collémoslle o gusto á radio e decidimos volver a facer unha actividade lembrando diferentes momentos da etapa de infantil con axuda de fotografías.

Esperamos que vos guste!

domingo, 19 de xuño de 2022

EXCURSIÓN Ó CENTRO HÍPICO LA MURALLA

 Os nenos e nenas de 4 e 5 anos gústanos moito saír da aula e vivir novas experiencias. Así que, decidimos facer unha nova saída para despedir o curso. Esta vez a un centro hípico. Alí coñecimos moita información sobre os cabalos e os seus coidados, e desfrutamos moitísimo dando un paseo nestes animais tan fermosos.

Por suposto, tamén houbo tempo para merendar e para coñecer un potrillo que nacera facía uns días.

Din por ahí que "unha imaxe vale máis ca mil palabras" así que, deixámosvos un vídeo para que corroboredes o ben que o pasamos.



venres, 17 de xuño de 2022

O 3º TRIMESTRE NA AULA DE 5 ANOS

Na aula de 5 anos queremos mostrarvos un chisquiño do traballo deste último trimestre.

Deixámosvos un vídeo! Esperamos que vos guste!







O ANTIGO EXIPTO NA AULA DE 5 ANOS


O curso está a piques de rematar e xa vai sendo hora de poñer fin ao proxecto que este ano levamos a cabo: O ANTIGO EXIPTO.

Todo comezou cando un compi contou na clase que foi un fin de semana ao túnel do terror,  alí había unha momia que o perseguía. 

¿non te perseguirá ata escola?, preguntaron outros.

E con esa motivación comezamos a indagar de onde virían as momias. Dende ese día non paramos de investigar e xogar con Exipto. 

Podedes comprobalo no vídeo!




xoves, 9 de xuño de 2022

ACTIVIDADE NA RADIO (4 ANOS)

Hai unhas semanas tivemos a gran sorte de poder falar na radio do cole. Escoitarnos a través dos cascos, utilizar un micro ou empregar a mesa de son foi toda unha experiencia.. Aproveitamos o noso proxecto da prehistoria para falar de todo o que levamos aprendido.

Escoitade cantas cousas  sabemos!.

PODCAST A PREHISTORIA.4 ANOS


venres, 3 de xuño de 2022

OBRADOIRO DE ARTE NO EXTERIOR

Fai unhas semanas, aproveitando o tempo primaveral, decidimos facer un obradoiro artístico no exterior. A consigna para desfrutar todos xuntos era respectar as creacións dos demáis e deixarnos levar co son da música e a inspiración do noso entorno.  Que, como xa sabedes, é estupendo! 

Aquí vos deixamos o momento artístico!




Ao rematar os nosos murais, estivemos contemplando o resultado.





E, por suposto, tivemos un tempo para o descanso e o relax. Ben merecido!












A NOSA ÁRBORE DA ESCOLA

Os nenos e nenas da aula de 5 anos gustounos moito o conto de "A árbore da escola". 



Despois de falar un chisquiño sobre este conto, decidimos pasear polo noso patio observando e analizando as árbores que alí temos. ¡son moitas e de diferentes tipos! 
Ao rematar fixemos un coloquio sobre as mesmas e decidimos facer unha votación para coñecer cal nos gustaba máis e cal escolleríamos como a nosa árbore da escola. Adiviñades cal foi?

A elixida foi a MOREIRA que, ademais de ser unha árbore preciosa, serve para alimentar os vermiños que teñen na aula os nosos compis de 3 anos.

Despois da votación fomos ao patio co noso caderno de debuxo  para observala e debuxala. Deixámosvos un vídeo para que o vexades.







martes, 17 de maio de 2022

2º TRIMESTRE NA AULA DE 5 ANOS!

Aínda que xa pasou o 2º trimestre do curso, gustaríanos compartir convosco algunhas actividades e propostas que xurdiron durante o mesmo. Coma sempre, traballamos moitísimo!




 

xoves, 12 de maio de 2022

RESUMO ACTIVIDADES NA AULA DE 4 ANOS (2º TRIMESTRE)

Aínda que pareza incrible xa estamos metidos de cheo no terceiro trimestre e traballando a reo para sair moi satisfeitos ao final de curso. De momento, amosámosvos un pequeno resumo dalgunhas cousas que fixemos ao longo do segundo trimestre.

A ver que vos parecen!.



domingo, 8 de maio de 2022

OS MAIOS DE INFANTIL

 Tedes no blog de fonte dos frades os vídeos que gravamos xogando arredor do noso maio. Ollade como disfrutamos con esta tradición.

mércores, 27 de abril de 2022

OS NENOS/AS DE 4 E 5 ANOS iMOS AO TEATRO!!!

Despois de moitísimo tempo, e pouquiño a pouco, volvemos a tan desexada normalidade.

Por eso, os nen@s de 4 e 5 anos quixemos ir ao teatro e disfrutar da obra " A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza" . Foi unha mañá fantástica chea de emocións, cousas novas, risas e, como non, tamén de aprendizaxes.

Botádelle unha ollada ás nosas cariñas.... e comprobaredes o que vos dicimos.




venres, 22 de abril de 2022

MOMENTAZOS DO ENTROIDO NA AULA DE 4 ANOS!!!!

Aínda que podedes ver o video da instalación feita na aula de 4 anos, déixovos algúns dos momentos máis divertidos que podedes comentar.

Animádevos a participar !!!!




martes, 15 de marzo de 2022

INSTALACIÓN DE ENTROIDO EN 4 ANOS

Nos dias previos ó venres de entroido na clase de 4 anos tivemos unha verdadeira sorpresa. Cando chegamos, á porta estaba pechada e antes de entrar tiñamos que deixar as nosas mochiñas e zapatos no corredor.Non había instrucións so podiamos divertirnos e disfrutar. Mirade que ben o pasamos!!.

 






mércores, 9 de marzo de 2022

SEMANA DE TROULA E ENTROIDO EN CATRO ANOS!!!

Cantas ganiñas de festa hai nesta clase, canta orixinalidade e que divertido iso de ser alguén diferente ainda que sexa só por un día. 

Mirade, mirade cantas personaxes  distintas hai!!




 

xoves, 24 de febreiro de 2022

INSTALACIÓN DE ENTROIDO!

O mércores atopamos a aula de 5 anos un pouco diferente. Na porta tiñamos un cartel; "Benvidos ó Entroido!" e tamén unha cortinilla de cores. Pero... Que ocorre? preguntaban algúns nenos. Non tardamos nadiña en pasar e saír desa intriga que nos inundaba.

Queredes saber o que nos atopamos? pois atentos ao noso vídeo!




mércores, 23 de febreiro de 2022

ÁRBORE DE ADVENTO.4 ANOS

Xa vai moito tempo deste traballo de aula e desta sorpresa incrible, pero non podía deixar de mostrar as caras destes pequechos de catro anos. Unhas caras de emoción e de orgullo ao ver as súas familias na pantalla desexándolles un bo nadal.

Mil grazas pola vosa colaboración.




luns, 14 de febreiro de 2022

PUBLICAMOS OS MANDADOS DA SEMANA DA TROULA

 No vindeiro Entroido e na Troula temos unha nova misión este curso, agora que semella que pouquiño a pouco estamos a gaña-la partida ó bicho coronavirus. Desta volta é o planeta quen precisa dos nosos coidados. Neste enlace ao blog de biblioteca podedes ver os mandados para a Semana da Troula. Pasádevos por alí!!!.Tedes un enlace para descargalos e toda a información.


venres, 28 de xaneiro de 2022

PASIÑO A PASIÑO CHEGAMOS AO NADAL!!. 4 anos

Aínda que  quedou atrás o nadal, non vos amosamos o noso traballo de clase. Foron unhas semanas de moita euforia e nervios, de moita ilusión, de moito traballo e tamén de moitas sorpresas. 

Mirade e opinade.