sábado, 23 de decembro de 2023
NADAL EN 4 ANOS
venres, 15 de decembro de 2023
4 ANOS NA RADIO. O CONTO DE EVA
Por se non escoitastes no outro blog os contos dos nenos de 4 anos na radio escolar, deixámosvolos aquí. Na columna da dereita tedes acceso á canle Radio Camilo onde temos todo aloxado.
Dá gusto escoitalos e... tranquilos! Pensan seguir contando moitos contos máis. Que ben!
O último hoxe mesmo. Recén saído do forno radiofónico temos o conto de Eva.
venres, 1 de decembro de 2023
PAN DE CABAZA
Como de certo xa tivestes oportunidade de degustar pasamos a semana facendo pan de cabaza. Comezaron o martes os pequechiños de 3 anos. Enseguidiña poderedes ve-las fotos desta experiencia.
Os de 4 e 5 tiveron que agardar ata hoxe venres e abofé que lles custou moito moitísimo agardar con paciencia estes 3 días.
Amosámosvos as fotos desta estupenda actividade... pegañenta, pero moi divertida e saborosa. Un xeito máis de aproveitar as lambetadas naturais que nos ofrece o outono.
venres, 10 de novembro de 2023
OBRADOIRO DE FARIÑA
Comezamos o outono cun obradoiro de fariña onde experimentamos cunha morea de formas diferentes.
Foi moi divertido e sorprendente, só tedes que ver as nosas cariñas.
martes, 17 de outubro de 2023
sábado, 30 de setembro de 2023
UN ANO MÁIS COMEZAMOS VIVINDO A CONTORNA E RECOLLENDO EXPERIENCIAS
Un novo curso escolar e aquí estamos, tentando achegarvos algunhas das experiencias que imos ter no cole. Estas rutinas do outono son para todos moi importantes...sair ó noso estupendo patio, observa-las árbores, as plantas e mailos bichiños, recoller froitos, secar follas, ollar detidamente os cambios na paisaxe, usar todo o material para os nosos traballos e interiorizar a natureza con tódolos sentidos. E non si? Tamén tivemos tempo de enredar ao noso trasniño na cociña. Nós deixámoslle as froitas recollidas e el agasállanos cunha rica sobremesa! 3, 4 e 5 compartindo primeiro mes na escola e experimentando xuntos!
xoves, 1 de xuño de 2023
FACENDO PAN EN 3 E 4
Como xa probariades na casa, hoxe fixemos pan. Do resultado final so podemos dicir de primeira man que tiña moi boa pinta e arrecendía fenomenal. Deixamos aquí un pequeno vídeo. O grande e detallado podedes velo no fonte dos frades.
martes, 16 de maio de 2023
RADIO CAMILO EN 5 ANOS
Escoitade ós nenos de 5 anos explicando todo o que saben sobre a alimentación.
domingo, 7 de maio de 2023
TEMOS ACTIVIDADES DE INFANTIL PUBLICADAS NOS OUTROS BLOGS DO COLE
Como xa sabedes moitas das cousas que facemos dentro dos proxectos comúns do cole están publicadas nos outros dous blogs Fonte dos frades e Aguieira. Non deixedes de pasar por alí para ver coma os pequechos participamos dos contacontos organizados polos maiores, sementamos e coidamos a nosa horta e o xardin do noso patio e facemos actividades complementarias dentro e fóra do cole.
venres, 5 de maio de 2023
ASÍ REMATAMOS O 2º TRIMESTRE NA CLASE DE 5 ANOS
Chega un anaquiño tarde, pero aquí tedes un pequeno resumo do que fixemos no segundo trimestre.
Non deixedes de velo e de disfrutalo. Moitas grazas pola vosa colaboración.
mércores, 19 de abril de 2023
xoves, 13 de abril de 2023
xoves, 30 de marzo de 2023
RADIO NA ESCOLA
Hai xa un tempiño que vimos de inaugurar unha estupenda radio. Os pequenos de 3 e 4 non quixemos deixar pasar a oportunidade de estreala e atrevémonos a visitala de cando en vez e lanzar ao aire as nosas experiencias. Invitámosvos a seguirnos neste enlace. Temos xa dous programas, un de experiencias compartidas entre os nenos de 3 e 4 ; o outro no que os de 4 anos en grupos pequenos falan das súas cousas no cole.
Cada pouquiño iremos gravar diferentes episodios. Estade atentos!
domingo, 26 de febreiro de 2023
CALDIÑO DE GLORIA PARA ROSALÍA
Tedes no blog da biblio a invitación a tódalas familias a participar na feitura dun caldiño galego en homenaxe á nosa poeta Rosalía de Castro. No poema que levaronos os nenos e nenas o día do aniversario de Rosalía está a receita do caldiño de gloria tradicional. Podedes cociñar, representar, enviar foto ou falar dos ingredientes e tamén recitar en familia ou escribir na foto ou vídeo algunha parte do poema. Animádevos! O poema e a receita estaremos traballándoas nas aulas ata final de curso en diferentes actividades que temos programadas. Podedes ver tamén aquí a invitación.