mércores, 28 de febreiro de 2018

DESTA VEZ TOCOULLE A ANTÍA SER A PROTAGONISTA

Desta vez foi a mamá de Antía, Mar, a que estivo un tempiño  facendo con nósu unhas pulseiras moi chamativas e modernas. De feito, aínda locen nos pulsos de moitos peixiños.
Botádelle unha ollada o video e xa me contaredes que vos parecen. 

luns, 26 de febreiro de 2018

E CHEGOU O DÍA DE ENTROIDO!!!!

Na semana da troula o noso Meco Camilus deu as ordes precisas para ir compondo un disfraz de capitán, pero claro non podía ser outro que o capitán Nemo. Despois de ter o traxe ben completiño xa estábamos preparados para mergullarnos no fondo do mar cos nosos traxes de augamares. Uns traxes que luciron ben bonitos grazas a axuda das familias e das profes Marta e Sonia.

OBRADOIROS DE ENTROIDO

Como parte da nosa preparación para o Entroido, os compañeiros de todo o ciclo puidemos desfrutar o día anterior á festa duns obradoiros de entroido moi especiais. Por quendas e mesturados- como nos gusta, para poder compartir estas boas experiencias cos compañeiros grandes e pequenos- fomos pasando polas  tres aulas de infantil  onde nos esperaban as profes con cadansúa proposta para nós. Unhas moi festivas coma os obradoiros de carautas e maquillaxe e outras máis literarias, pero non menos máxicas. Neste último caso agardábanos unha lectura moi especial...a do conto de "20000 leguas de viaxe submarina". É que non podiamos mergullarnos na festa de entroido sen coñecer como Xulio Verne fixo chegar ata o noso fondo mariño ó Capitán Nemo e mailo Nautilus. Foron coma sempre unhas sesións cheas de goce e aventuras compartidas. Xa estamos agardando con impaciencia ás que de seguro están por vir.



domingo, 18 de febreiro de 2018

OS PEIXIÑOS SOMOS UNS LARPEIROS

Facer antefaces, maquillarse, bailar e troulear está xenial, pero dá unha fame... e aproveitando que no Entroido temos doces ben ricos pois...que tal se facemos unhas filloas? 
O primeiro día a masa, coa axuda da profe Sonia, e o día seguinte papalas.
As imaxes falan por si mesmas, porque como dícia Teo " non están ricas, están riquísimas"

SEMANA DE TROULA NA CLASE DE TRES: CARAUTAS E ANTEFACES

Os días anteriores ó venres de entroido preparámonos ben levando cada día para casa algo relacionado con esta temática: unha carauta, un anteface, un complemento, unha maquillaxe...
Supoño que lembrades o resultado, pero se queredes ver o proceso aqui tedes unha pequena mostra. 

A SEMANA DE CLAUDIA COMO PROTAGONISTA

O  segundo trimestre inaugurouno Claudia como protagonista da semana, completando este privilexio coa visita da súa mami (Beatriz). Desta vez tocounos aprender unha canción en francés acompañada de xestos.
Aínda que resulte incrible, como Bea dixo,  ela tamén foi nena e aprendeu a mesma canción neste cole no que aprendemos milleiros de cousas diarias.

martes, 13 de febreiro de 2018

NON É TARDE, CANDO O GOCE É BO...

Non podemos pasar máis tempo sen vos contar gráficamente algúns dos acontementos que marcaron o noso paso polas aulas de infantil no primeiro trimestre. Supomos que os nenos e nenas xa darían naquel intre boa conta das súas andainas, pero non está de máis que os vexades aquí en faena con tódolos seus compañeiros e moitas de nós, as súas profes.
Daquela imos meter nesta entrada algunhas desas moitas cousas que quedaron por amosar por falta de tempo, pero...xa vedes como titulamos esta achega.

MAGOSTO COMPARTIDO CON PRIMARIA

"DE CANDO NOS CONTARON HOMIÑO DE MAZAPAN E OBROUSE A MAXIA".

"SABELA GAGO E AS SÚAS HISTORIAS"

venres, 9 de febreiro de 2018

OBRADOIROS DE MANIPULACIÓN E EXPLORACIÓN: O TACTO

O trimestre pasado comezamos un novo obradoiro impartido pola profe Sonia. Nel os peixiños puidemos experimentar, descubrir, manipular… e, pouco a pouco,  decatarnos de todo o que podemos coñecer a través dos sentidos.
Con estes obradoiros pretendemos desenvolver as capacidades sensoriais a través da experimentación; identificar e diferenciar as cualidades dos obxectos a través dos diferentes sentidos corporais; tomar conciencia e transferir en linguaxe o que percibimos polos sentidos.


Na primeira sesión coñecemos unha carpeta e unha caixa moi especial, a das mil e unha sorpresas. Nela viña un conto sobre os sentidos, que nos serviu para empezar a falar, en primeiro lugar,  do tacto.  
Mirade como xogamos e nos demos conta das características dalgunhas texturas.