Páxinas

Páxinas

xoves, 26 de marzo de 2015

TRES BOLBORETAS

Como vistes na anterior entrada, este mes tivemos un  novo encarguiño. Colorín pediunos que nos convertisemos en poetas. Esta misión serviunos aos de 3 anos para aprender que é un poema, quen é o que o escribe,  para darlle a benvida á primavera e para ilusionarnos unha vez mais coas cousiñas que facemos. Neste vídeo tedes unha pequena mostra de todo o proceso e , sobre todo, do resultado final que xa loce pendurado nunha das árbores do patio.



mércores, 25 de marzo de 2015

COLORIN POETA

Colorin -o mouchiño do mes de Marzo- invitounos hai algunhas semanas a facer poesías. Quería que lle fixeramos uns pareados para celebrar a entrada da primavera e o día da Poesía que cadra no 21 de Marzo. Coma sempre entusiasmámonos coa súa petición e puxémonos en tódalas aulas de infantil a intentar rimar palabras  e a ver que podiamos facer Hoxe por fin saimos, canda os nosos compañeiros de primaria, ao patio. Semellaba que ía menos vento e non ía chover e puidemos deixar no patio ás nosas rimas para Colorín e para todos o que quixeron lelas.

CONTACONTOS PARA TODO INFANTIL

Este trimestre foi un contacontos de fora- por cortesía da Editorial Anaya- o que aproveitamos para que forme parte da nosa actividade de animación lectora "Contamos Moito". O medo é un tema recurrente nas aulas de infantil -"nunhas" mais que noutras do que é moi importante falar e para o que hai que ir traballando diferentes estratexias tanto no cole como na casa. Augusta, a protagonista de "Augusta é os seus medos" enfréntase a eles coa valiosa axuda dos seus pais. Nós non tivemos medo no conto e desfrutamos un mundo coa posta en escea de Iago  a quen xa coñeciamos daqueloutro arrepiante conto "O home do saco" que nos contara no nadal. A semana pasada cando nos chamou para ir á biblioteca despois de que llo contase aos de primeiro,  escoitamos o conto, seguimos ás súas ordes, berramos cando nos mandaron...todo para poñernos na pel de Augusta...e abofé que o pasamos moi ben. 

luns, 9 de marzo de 2015

A VOLTAS COA PREHISTORIA

Como todos sabedes levamos un tempo traballando na prehistoria e, ainda que antes de final de trimestre  temos que chegar ata o século XXI, estamos tan emocionados cos “homo sapiens” que non damos saído desa época.
Todo comezou co noso traballo arredor da luz e cun conto “A todos los monstruos les da  miedo  la oscuridad”. Nós -como é normal- enseguidiña pensamos en Tufo e mais en Risitas cando quedan soíños na escola. A escuridade dános tanto medo que ata algún de nós chorou ao escoitar o conto e daquela entendemos moi ben por qué todos, empezando polos homes primitivos, foron dándolle voltas á cabeza ata atopar xeitos mellores de iluminarse.

Coma sempre que comezamos un proxecto pasamos moitas horas na alfombra pensando no tema, mirando documentais, libros, películas e tódalas cousas coas que cada quen foi enchendo o recuncho de prehistoria que montamos grazas á vosa  axuda. Temos de todo...   unha boneca prehistórica e un mono para ver as diferencias entre eles, varias ferramentas prehistóricas case auténticas, figuriñas prehistóricas, animais, un dente de tiburón, debuxos, lume,... Falamos e falamos de todo o que lles preocupaba aos prehistóricos, de cómo evolucionaron e das solucións que foron argallando. Traballamos un mundo de palabras e imaxes relacionadas co tema, intentamos aprender un rap prehistórico … ata que un bó día decidimos SERMOS UNS PREHISTÓRÍCOS!!.
Daquela aprendemos a facer lume (na teoría) e a transportalo nun pau; a vestirnos coma eles (xa nos mirastes no Entroido); fixemos colares prehistóricos de pedras e colmillos para nos adornar; convertemos a entrada da nosa aula nunha cova con pinturas rupestres igualiñas cas que miramos nos documentais.(Coma sempre queriamos que toda a aula fose unha cova pero non nos caben mais trastos) 
Polas mañás xuntámonos arredor dunha tea mentres non hai luz solar suficiente e  tamen temos aprendido unha maneira de non afumar a cova e poder transportar o lume  mais cara o interior coas lámpadas de tuétano ou cera de abella que estamos a fabricar. Falando de tuétano, un de nós despois dunha xornada de caza conseguiu traer un óso impresionante, disque de xabaril prehistórico. Como desfrutamos tocandoo e observándoo!. Sabiamos que o tuétano estaba dentro pero,… quen ía ser quen de partilo coas nosas ferramentas primitivas!

Tufo  quixo axudarnos nas nosas pescudas e marchou primeiro á prehistoria e dende alá vai mandándonos mensaxes que recibimos e “lemos” (intentámolo) con entusiasmo. Agora mesmo está no Antiguo Exipto, pero ainda non temos novas del. Mágoa que esta tempada  hai moitos que se puxeron maliños e están perdendo algunhas destas experiencias.

Agora estamos poñendo rumbo á outras culturas da antiguidade porque como vos contamos a viaxe ten que continuar (e rematar ao fin destas tres semanas vindeiras) e o noso interese é a luz e como o seu uso foi axudando a “monstros” e non tan monstros ao longo da historia da humanidade. Pero non perdades coidado a palabra prehistoria ainda vai soar durante moito tempo nas nosas bocas; ao mesmiño que os monstros que non se dan marchado da nosa aula e do noso traballo.